A conselleira de Política Social participou esta mañá na presentación da novela gañadora na edición 2020 ‘Cando sangren os lobos’ do mozo rianxeiro Adrián Gómez

Fabiola García anima á xuventude a “Escribir o futuro de Galicia” cos premios Xuventude Crea de Novela curta

Sinalou que este programa naceu hai máis dunha década coa misión de converter as ideas da xuventude nunha realidade

No ano 2020 estreouse a categoría de Novela curta que se sumou á de Videoxogo, Cociña, Teatro, Artes plásticas, Fotografía, Música, Poesía, Videocreación, Banda deseñada, Graffiti, Deseño de xoias, Moda e Danza moderna

Nos próximos meses iranse coñecendo os gañadores do Xuventude Crea 2021

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, animou a xuventude a “escribir o futuro de Galicia” cos premios Xuventude Crea na categoría de Novela curta. Esta mañá asistiu á presentación do libro gañador na edición do ano 2020 Cando sangren os lobos do mozo rianxeiro Adrián Gómez, editado pola editorial Xerais.

Fabiola García sinalou que este programa naceu hai máis dunha década coa misión de converter as ideas da nosa xuventude nunha realidade. Así, no ano 2020 estreouse a modalidade de Novela curta que se sumou a outras como Videoxogo, Cociña, Teatro, Artes plásticas, Fotografía, Música, Poesía, Videocreación, Banda deseñada, Graffiti, Deseño de xoias, Moda e Danza moderna.

Ademais de premiar as creacións da xuventude, o Goberno galego busca darlle a coñecer as súas creacións ao mundo. Por iso, impulsou a edición desta Novela curta pola editorial Xerais e se puxo en marcha unha exposición itinerante coas obras premiadas en distintas categorías e que percorre a Comunidade desde o mes de maio.

Xuventude Crea 2021

Nos próximos meses comezarán a coñecerse os gañadores do Xuventude Crea 2021. A conselleira apuntou que deste xeito poderemos seguir presumindo duns mozos e mozas cheos de ideas e con gusto pola cultura e as artes. Neste sentido, reivindicou que, lonxe dos estereotipos que a perseguen durante os últimos meses, existe unha mocidade talentosa, creativa e que está a escribir o futuro de Galicia.

Imaxes relacionadas