A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salienta que os traballos da 1ª fase de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario, nos que a Xunta inviste 57 M€, acadan un grao de execución do 30%

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras para dotar o Hospital Naval de Ferrol de 266 novas prazas de aparcadoiro, cun investimento da Xunta de 662.000€

Vázquez Mourelle avanza que se duplicará o número de prazas de aparcadoiro existentes, ao construír un novo estacionamento contiguo ao actual na zona norte, outro na zona sur e novas prazas na marxe esquerda do viario perimetral

Tamén se executará un novo viario de acceso de uso exclusivo para ambulancias

Explica que a licitación desta actuación se realiza conxuntamente coa da ampliación do aparcadoiro do Materno-Infantil da Coruña, cun investimento global de 1 M€

Precisa que as empresas interesadas teñen ata o vindeiro día 2 de novembro para presentar as súas ofertas e o obxectivo é iniciar as obras a comezos de 2022

Subliña a remodelación profunda que experimentará o Hospital Naval e o Arquitecto Marcide, incrementando nun 54% a superficie hospitalaria construída e mellorando áreas prioritarias como urxencias, cardioloxía ou hospitalización

Destaca outras intervencións coas que a Xunta contribúe á sanidade pública de Ferrol, como as licitadas para dotar de acceso viario o exterior da planta soto -2 proxectada na reforma deste complexo hospitalario, cun investimento de máis de 900.000€

Ferrol, 4 de outubro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras para dotar o Hospital Naval de Ferrol de 266 novas prazas de aparcadoiro, cun investimento da Xunta de 662.000€.
Vázquez Mourelle, acompañada do xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, informou hoxe de novos investimentos da Xunta para seguir mellorando os equipamentos sanitarios nesta cidade.

Neste caso, tal e como precisou a conselleira, trátase de duplicar o número de prazas de aparcadoiro existentes, habilitando un novo aparcadoiro na zona norte, contiguo ao actual; outro na zona sur; e tamén novas prazas na marxe esquerda do viario perimetral. Do total de prazas, 8 serán para persoas con mobilidade reducida.

Ademais, executarase un novo viario de acceso de uso exclusivo para ambulancias, para facilitar os seus movementos, xa que o percorrido circulatorio interno dos vehículos no recinto causa interferencias que prexudican a axilidade requirida para este servizo.

Ethel Vázquez indicou que a licitación desta actuación se realiza de forma conxunta coa ampliación do aparcadoiro no Hospital Teresa Herrera, o Materno-Infantil da Coruña, para poñer á disposición dos usuarios 31 prazas perfectamente ordenadas, que virán sumarse ás 53 habilitadas o pasado ano.

En conxunto, ambas as dúas actuacións, supoñen un investimento de preto de 1 M€, dos que 335.000 € se corresponden coa intervención para dotar de novos aparcadoiros o hospital coruñés.

As empresas interesadas nos traballos teñen ata o día 2 de novembro para presentar as súas ofertas. A partir desa data, segundo explicou a titular de Infraestruturas, continuarase cos trámites administrativos necesarios co obxectivo de iniciar as obras nos aparcadoiros dos hospitais Naval de Ferrol e Teresa Herrera da Coruña a comezos de 2022. Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses, polo que no vindeiro ano quedarán completamente rematados.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou que estas actuacións permiten ofrecer máis servizos a todas as persoas que se desprazan aos hospitais, favorecendo a mobilidade en toda a contorna ao facilitar o estacionamento.

A intervención presentada hoxe dá continuidade aos traballos de mellora da accesibilidade e reforzo do firme levados a cabo o ano pasado pola Xunta nos hospitais Marcide, Naval e Novoa Santos cun investimento de 198.000 €. Foron obras realizadas no marco dun contrato maior da Xunta de actuacións nos viarios e accesos de varios hospitais da provincia que supuxeron un investimento global de 1 M€.

1ª fase de ampliación do Complexo Hospitalario

Na súa visita, Ethel Vázquez tamén se referiu aos avances na execución das obras da 1ª fase de ampliación do Complexo Hospitalario, intervención á que a Xunta destina un investimento de 57 M€.

Puxo en valor a remodelación profunda que experimentarán o Hospital Naval e o Arquitecto Marcide. A reforma interior do Naval permitirá habilitar os novos espazos necesarios para o traslado provisional de determinados servizos desde o Marcide. A maiores, levantaranse 2 novos edificios anexos ao Marcide: o edificio este e o edificio sur.

Esta intervención permitirá incrementar nun 54% a superficie hospitalaria construída, mellorando áreas prioritarias como urxencias, cardioloxía, hospitalización. Os traballos da 1ª fase de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que está a executar a Axencia Galega, roldan xa o 30% de execución.

Nestes momentos, está executada a soleira reforzada que acollerá os novos equipos da nova área de Radioloxía. Tamén a contención dos edificios dos centros de transformación, antiga farmacia, etc., para non prexudicar a actividade hospitalaria e poder comezar a estrutura do bloque sur. Ademais, está rematado o movemento de terras e a cimentación da fase 1ª do bloque sur e avánzase agora na execución da estrutura.

Ethel Vázquez referiuse a outras intervencións coas que a Xunta está a contribuír á sanidade pública de Ferrol, como a licitada hai tan só hai uns días: as obras de urbanización para dotar de acceso viario o exterior da planta soto -2 proxectada na reforma deste complexo hospitalario, que suporá un investimento de máis de 900.000€.

Imaxes relacionadas