A Xunta colabora na mellora de dous parques infantís no concello lucense de Begonte

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as actuacións realizadas nestas instalacións, que contan cunha axuda de preto de 35.000 euros no marco da Orde de Infraestrutura de uso público

Begonte (Lugo), 4 de outubro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá as melloras realizadas nos parques infantís dos lugares de Illán e Baamonde, no concello de Begonte, co que a Xunta colaborou no marco da Orde de Infraestruturas de uso público cunha achega de preto de 35.000 euros.
Natalia Prieto explicou que as obras tiveron como obxectivo mellorar os espazos de ocio dos nenos que foran construídos hai anos e que se atopaban en mal estado de conservación. Con esa finalidade, colocouse unha soleira e pavimentouse a zona de xogos, ademais de substituír os elementos e delimitar o recinto cun peche de seguridade.
Con esta actuación dotouse ao concello dun servizo público para o lecer dos máis pequenos, o que contribúe a mellorar a calidade de vida dos cativos de Begonte e da súa veciñanza en xeral.
O Goberno galego destina este exercicio á convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público 4 millóns de euros, mantendo o orzamento do ano pasado despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros. Así, a Administración autonómica financia os proxectos dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
Natalia Prieto destacou o compromiso da Xunta de manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións en beneficio dos seus veciños. No caso de Begonte, o Goberno galego leva investido máis de 530.000 euros en melloras ambientais e de infraestruturas.

Imaxes relacionadas