O conselleiro do Medio Rural explicoulles a importancia de aproveitar os instrumentos que neste sentido ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

A Xunta anima os veciños de Monterrei a involucrarse no proxecto de creación dun polígono agroforestal orientado a viñedo de máis de 22 hectáreas

José González indicou que o polígono estaría orientado preferentemente cara a produción de viñedo, facilitando superficie para a denominación de orixe Monterrei

Monterrei (Ourense), 3 de setembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse hoxe con veciños de Monterrei para animalos a aproveitar os instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para poñer en valor os predios en desuso ou infrautilizados. Neste caso concreto, proponse a creación dun polígono agroforestal neste municipio ourensán, orientado preferentemente cara a produción de viñedo. O obxectivo é complementar as rendas dos titulares destes terreos aos que se quere implicar no proxecto.
Trátase, tal e como explicou o conselleiro aos veciños, de recuperar terra para xerar actividade económica e crear postos de traballo, contribuíndo a fixar poboación no rural e, ao tempo, avanzar na prioritaria anticipación aos incendios, mediante ese aproveitamento agrogandeiro ou forestal dos predios.
Neste caso avalíase a posibilidade de poñer en valor un total de 22,44 hectáreas, repartidas en 535 parcelas de 331 propietarios que, entre outras finalidades e tendo en conta a súa situación estratéxica, poderían contribuír ao aumento da superficie e da produción vitivinícola dentro da denominación de orixe Monterrei. O conselleiro explicou que a iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70% da superficie do perímetro do proxecto.
A maiores, o titular de Medio Rural trasladou que dentro desta figura dos polígonos establécese tamén a dos denominados cortalume, que procuran a xestión do territorio agroforestal co fin de anticiparse aos incendios. Así, aportan novas solucións á prevención convertendo as devasas en polígonos agroforestais nos que a prevención de incendios se combinará coa posta en valor destas zonas, promovéndose a actividade agrícola, gandeira e forestal, en todos os casos mediante criterios sostibles e, no caso dos usos forestais, utilizando especies que reduzan o risco de propagación de lumes.
José González engadiu que nesta actuación terán carácter preferente as zonas de concentración ou reestruturación parcelaria rematadas que presenten un abandono superior ao 50%; as áreas cortalume, que se delimitarán con criterios técnicos e aquelas nas que se acredite a disposición de compromisos de adhesión ao proxecto, que deberán supoñer unha superficie mínima do 70% das terras incluídas no perímetro proposto do polígono agroforestal.

Aptitude agropecuaria

Tamén, entre as restantes zonas, darase carácter preferente ao desenvolvemento de proxectos de polígonos cando concorran circunstancias como que se trate de zonas de elevada aptitude agropecuaria que se atopen en situación de especial abandono, ou da ampliación da base territorial das explotacións existentes mediante o acceso a terras estremeiras en situación de abandono ou infrautilización ou con usos ou orientacións non conformes coa cualificación feita no catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia.
Ademais, tamén se terá en conta a recuperación e posta en valor de terras acaídas para producións acollidas a indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe protexida, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade, como este caso de Monterrei. En definitiva, concluíu González, con todas estas medidas trátase de dinamizar o territorio e de xerar actividade económica para que sexa posible vivir no e do rural.

Imaxes relacionadas