A última acción de ‘1m2 polas praias e os mares’ pecha coa recollida de máis de 40 quilos de basuraleza en 21 puntos da costa galega

Os máis de 300 voluntarios participantes na quinta edición desta actividade do proxecto Libera caracterizaron 2.800 residuos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colabora desde o ano 2017 nesta iniciativa para concienciar sobre a basuraleza e reducir o lixo en espazos naturais, que cada ano goza dun maior nivel de participación na Comunidade
 

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2021

A última acción da campaña 1m2 polas praias e os mares pechou coa recollida de 44 quilos de basuraleza en 21 puntos distintos da costa galega.

Grazas ao traballo desinteresado de máis de 300 persoas, que participaron na quinta edición desta actividade do proxecto Libera, caracterizáronse 2.800 residuos, entre os que destacan as cabichas, latas de bebidas e pallas de plástico.

Os puntos sobre os que se actuou foron as praias, peiraos e áreas fluviais localizados nos municipios de Bueu, Cangas, O Grove, Nigrán, Vigo, A Coruña, Fene, Vilasantar, Begonte e Ourense.

Esta última acción, que tivo lugar entre o sábado 18 -coincidindo co Día Internacional de limpeza de praias- ata o domingo 26, forma parte das batidas impulsadas a nivel nacional por SEO/BirdLife e Ecoembes, no marco do proxecto Libera, que en Galicia conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O proxecto Libera naceu hai uns anos co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a presenza de lixo na natureza e chamala a mobilizarse fronte a este problema medioambiental.

Galicia é unha das comunidades máis implicadas e o nivel de participación dos galegos nas actividades colaborativas que se organizan ao longo do ano para loitar contra a chamada basuraleza é cada vez maior.

Cómpre lembrar que a Xunta se sumou en 2017 por primeira vez ao proxecto Libera e desde entón vén apoiando as sucesivas campañas de limpeza que ao longo do ano se organizan na Comunidade, como a que neste mes se puxo o foco de atención sobre o coidado das contornas costeiras e das zonas fluviais.

Imaxes relacionadas