Santiago acollerá unha reunión do Comité Europeo das rexións no ano Xacobeo 2022

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, amosa a súa satisfacción polo resultado favorable á proposta galega e destaca a idoneidade do Camiño de Santiago como exemplo de turismo sostible

Galicia chama a atención sobre a complementariedade entre a acuicultura e a pesca tradicional como actividades provedoras de alimentos e xeradoras de emprego nas comunidades costeiras

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), na que Galicia resultou seleccionada para acoller unha reunión do CdR no 2022, coincidindo coa celebración do ano Xacobeo.

Tras o encontro, o director xeral amosaba a súa satisfacción polo resultado favorable á proposta galega, que competía con outras dúas localizacións, unha na República Checa e outra en Lituania, e destacaba, ademais, a idoneidade da candidatura ao promover, por unha banda, o modelo de turismo sostible que exemplifica o Camiño de Santiago, en liña coas prioridades da Comisión Europea e coa definición de turismo sostible aportada pola Organización Mundial de Turismo; e, por outra, a cohesión social e xeográfica europea con percorridos que atravesan ata 28 países do continente.

Outros asuntos abordados nesta sesión polos membros de NAT foron o documento de traballo Visión a longo prazo para as zonas rurais e os ditames Plan de acción para a agricultura ecolóxica, Plan Europeo de loita contra co cancro e Economía azul sostible e acuicultura.

Sobre este último, Galicia presentou unha emenda co obxectivo de favorecer unha diversificación económica e laboral que parta da compatibilidade da pesca tradicional coa acuicultura, de xeito que se aproveiten as sinerxías comerciais e produtivas entre ambas.

Coa aprobación do ditame, Galicia avala o recoñecemento da acuicultura como un ámbito político para o que se debe prever un financiamento específico e apoia, ademais, a toma de medidas respecto ás importacións máis baratas procedentes de fóra da UE.


Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións

Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo a principios de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Imaxes relacionadas