Lorenzana percorre parte do Camiño de Santiago en apoio do emprendemento na economía social

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou nunha etapa do Camiño Francés, entre O Pino e Santiago de Compostela, organizada no marco do programa de mentoring O Camiño Emprendedor

Trátase dunha iniciativa que impulsa a Xunta, a través da Rede Eusumo, de impulso á economía social, e a Fundación Ronsel na que se forman en competencias a 60 emprendedores e a outras 60 persoas como mentoras

O obxectivo desta actuación é crear un entorno de aprendizaxe que permita impulsar o desenvolvemento de novas capacidades emprendedoras e optimizar as xa existentes

Na actividade inténtase concienciar sobre a importancia da formación continua ao longo de toda a vida e a mellora constante de competencias e habilidades como fórmula eficaz para consolidar negocios, gañar en produtividade e facelos medrar
 

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou nun percorrido do Camiño Francés entre O Pino e Santiago de Compostela, organizado no marco do programa de mentoring O Camiño Emprendedor promovido pola Xunta, a través da Rede Eusumo de impulso á economía social, e a Fundación Ronsel, no que se forma en competencias a 60 emprendedores sociais e a outras 60 persoas como mentoras.

Ao longo de catro etapas (dúas do camiño de inverno, unha do portugués e unha do francés) que culminan hoxe na Praza do Obradoiro, os participantes realizaron dinámicas de mentoring personalizadas co fin de adaptar as ensinanzas froito da experiencia do mentor ou mentora á realidade de cada participante. Así, os participantes son emprendedores cun novo proxecto empresarial en marcha ou unha idea de negocio avanzada, vinculada ao eido da economía social. Coa iniciativa o que se pretende é crear un entorno de aprendizaxe que permitira impulsar o desenvolvemento de novas capacidades emprendedoras e optimizar as xa existentes.

A actividade, en concreto, busca prestar apoios e axudar ás persoas, empresas e entidades participantes da economía social concienciándoas da importancia da formación continua ao longo de toda a vida, pola mellora constante de competencias e habilidades, como fórmula eficaz para consolidar negocios, gañar en produtividade e facelos medrar.

Trátase dun programa que une a experiencia da peregrinación co potencial emprendedor de galegas e galegos na economía social a través de dez competencias clave para a iniciativa empresarial: a procura de oportunidades, a persistencia, o cumprimento dos compromisos, a eficiencia e a calidade, asumir riscos calculados, fixación de obxectivos, busca de información, planificación e seguimento, persuasión e contactos e autoconfianza e independencia.

O Camiño Emprendedor enmárcase no programa de actuación 2020-2021 da Rede Eusumo, un mecanismo de colaboración impulsado pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social. Con ela procúrase o impulso do espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.

O Camiño Emprendedor naceu co obxectivo de poñer en práctica o traballo conxunto que desenvolve a Administración autonómica e o tecido asociativo galego para divulgar e valorizar a economía social, unha fórmula empresarial beneficiosa para os axentes que involucra e a súa contorna.

 

Imaxes relacionadas