A Xunta aposta pola capacidade de Galicia para situarse como rexión referente en xeración de renovables, almacenamento e tecnoloxías asociadas

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta semana nun encontro virtual organizado pola Fundación Galicia Europa–Next Generation Galicia

O Goberno Galego destina 19,9M€ a novas liñas de axudas dirixidas ao autoconsumo eléctrico a partir de enerxías renovables

Apuntou ao incremento da eficiencia enerxética en todos os sectores de actividade como un dos principais obxectivos para Galicia
 

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, manifestou que Galicia ten a capacidade e potencial para situarse como rexión referente en xeración de enerxías renovables, almacenamento e tecnoloxías asociadas. Así o asegurou durante a súa participación esta semana no encontro virtual Obxectivo 55: un paso intermedio para acadar a neutralidade climática, organizado pola Fundación Galicia Europa–Next Generation Galicia.
Así, os obxectivos marcados pola Comisión Europea neste novo paquete lexislativo buscan impulsar ata 2030 a redución en, polo menos, un 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto aos niveis de 1990.
“Sabemos cara a onde imos, cara unha Europa neutra en carbono en 2050 e Galicia forma parte desa solución”, manifestou Uría, ao mesmo tempo que indicou que se trata da segunda Comunidade en España en xeración de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables. Co ánimo de conseguir unha verdadeira transición enerxética, engadiu, desde a Xunta estase a traballar activamente para situar a Galicia como un polo enerxético innovador.
A directora xeral enumerou como un dos obxectivos principais o incremento da eficiencia enerxética en todos os sectores de actividade, e o impulso da xeración enerxética a partir de fontes renovables, así como o almacenamento enerxético para poder xestionar esa enerxía.
“É necesario que o sector industrial consiga a descarbonización para ser tamén máis competitivo e niso vai xogar un papel clave a dixitalización”, indicou, e avogou por unha reindustrialización nas zonas de transición xusta.


Neste sentido, Paula Uría indicou que os fondos europeos de recuperación Next Generation son “unha oportunidade” para poder desenvolver estes eixes estratéxicos, ao mesmo tempo que indicou que a candidatura galega conta con “proxectos maduros que apostan pola colaboración público-privada”.

Axudas ao autoconsumo

A Xunta acaba de aprobar un orzamento de 19,8M€ que destinará a novas axudas destinadas a fomentar o uso do autoconsumo a partir de enerxías renovables. Dirixida a empresas, esta convocatoria permitiralles aforrar ao redor de 7M€ ao ano nas súas facturas enerxéticas.
Con estes apoios, que poderán ir do 15% ao 65% en función do tamaño da empresa, do proxecto e da tecnoloxía, o Goberno galego prevé unha mobilización de 60M€, así como aforros anuais de 65.000MWh e unha redución de emisións equivalente a 1.150.000 árbores.
A convocatoria dá continuidade ás axudas postas en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que este ano activou preto de 16M€ para fomentar o uso de renovables nos fogares, empresas e administracións.
 

Imaxes relacionadas