A Xunta lanza o programa ReAcciona covid-19 para cooperar coas pemes galegas no seu impulso e recuperación tras a pandemia

O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de novembro e a convocatoria ofrece cinco novos servizos ás empresas para abordar o entorno económico actual

A adecuación dos estados financeiros, a transmisión de unidades produtivas, a análise de mercados internacionais, a elaboración de plans estratéxicos de internacionalización e a implantación de procesos acordes á economía circular son os principais eixes de actuación

O Goberno galego complementa así o programa Reacciona, que desde o 2012 leva impulsado o desenvolvemento de máis de 2000 proxectos que permitiron mellorar a competitividade de 1333 empresas galegas, mobilizando 10,5M€
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de solicitudes do programa ReAcciona covid-19, unha novidosa liña de actuación impulsada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación na procura de cooperar co tecido empresarial galego no actual escenario económico, contribuíndo ao seu impulso e recuperación tras a pandemia.

Neste sentido, a convocatoria aspira a reforzar a posición de partida das pemes galegas de cara á mellora da súa competitividade e para abordar novos mercados. Un obxectivo enmarcado na propia filosofía do programa ReAcciona, que o goberno galego vén desenvolvendo desde 2012, reforzando deste xeito aposta pola economía circular.

Así, esta nova liña, cuxo período de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de novembro, diríxese á consecución de resultados, á aprendizaxe e á autonomía das empresas, que serán acompañadas durante todo este proceso. De feito, cada servizo consta sempre de tres partes: formación e sensibilización, análise e execución do plan de traballo.

Así, o ReAcciona covid-19 suma cinco novos servizos que atenden á situación económica xurdida da pandemia. As pemes galegas poderán acceder a prestacións especializadas no relativo á adecuación dos estados financeiros, á transmisión ou adquisición de unidades produtivas, á análise de mercados internacionais, á elaboración de plans estratéxicos de internacionalización e á implantación de procesos acordes á economía circular.


Beneficiarios

Poderán solicitar estes servizos as pequenas e medianas empresas, incluíndo as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens e calquera outro tipo de unidade económica. Como mínimo, deben contar con tres traballadores.

Así mesmo, os beneficiarios deben desenvolver a súa actividade en Galicia, tendo, como mínimo, un centro de traballo na Comunidade e a súa facturación en 2020 debe ser un 10% inferior á do ano precedente. Todos os servizos teñen un custo de 600 euros para o solicitante, sendo o seu valor de mercado de 10.000 euros.

Deste xeito, o Goberno galego complementa o programa ReAcciona, unha iniciativa que ten facilitado ata a data o desenvolvemento de máis de 2000 proxectos que permitiron mellorar a competitividade de 1333 empresas galegas, mobilizando 10,5 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas