O Sergas habilita a receita electrónica para que o persoal de enfermaría poida indicar produtos sanitarios e algúns medicamentos
Ata agora, un total de 16.000 profesionais de enfermaría xa contan coa acreditación necesaria para poder receitar de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano
Desde hoxe mesmo, habilitase esta posibilidade para os profesionais de atención primaria e, progresivamente, se incorporará ao ámbito da atención hospitalaria
O Servizo Galego de Saúde habilitou, na xornada de hoxe, a dispoñibilidade de indicar produtos sanitarios e algúns medicamentos por parte do seu persoal de enfermaría do Sergas, a través da receita electrónica integrada na historia clínica de cada paciente.
Deste xeito, e tras a entrada en vigor da Orde do 9 de xullo de 2021, que posibilitou aos profesionais de enfermaría, tanto do ámbito público como privado, acadar as acreditacións para facer efectiva a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, desde hoxe mesmo, ficará habilitada esta posibilidade, que representa un importante avance no eido da asistencia sanitaria e na capacidade resolutiva desta categoría profesional.
Até o de agora, un total de 16.000 profesionais de enfermaría xa contan coa acreditación para receitar produtos sanitarios, medicamentos non suxeitos a prescrición médica e tamén os medicamentos suxeitos a prescrición médica que figuran na resolución do BOE de 20 de outubro de 2020, vencellados ao tratamento de feridas.
A dispensación enfermeira no Sergas comeza polo persoal de enfermería que exerce a súa actividade nos centros de saúde, para progresivamente irse incorporando á atención hospitalaria. Con esta medida séguese a cumprir o compromiso da Consellería de Sanidade, recollido tanto no “Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021” como na estratexia “Por unha Atención Primaria vertebradora do Sistema de Saúde”, de potenciar as competencias do persoal de enfermaría de atención primaria, o que redundará nun aumento da carteira de servizos tanto desta categoría profesional como do conxunto da atención primaria galega.