A Xunta recibe 12 ofertas para a redacción do proxecto construtivo de mellora do sistema de entrada á depuradora de Monterroso, que suporá un investimento de 160.000 euros

Os traballos definirán a localización e dimensionamento do novo tanque de tormentas e analizarán outras necesidades de ampliación da depuradora

Ethel Vázquez reitera a vontade de apoio da Xunta aos concellos nos servizos de saneamento e depuración, de competencia municipal, de xeito compatible coa colaboración que poden prestar tamén outras administracións, como as Deputacións

Afondou na Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga como unha oportunidade para mellorar o funcionamento deficiente que rexistran actualmente preto da metade das depuradoras municipais xestionadas polos concellos
 

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2021

A Xunta recibiu un total de 12 ofertas para a redacción do proxecto construtivo de mellora do sistema de saneamento de entrada á estación depuradora de augas residuais de Monterroso, que suporá un investimento autonómico que rolda os 160.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, abordou hoxe co tenente de alcalde do Concello de Monterroso, Eloy Pérez Sindín, os avances na tramitación para o impulso da mellora do sistema de saneamento e depuración municipal.

Trátase da redacción do proxecto construtivo para a execución dun tanque de tormentas e a modificación da infraestrutura de chegada das augas á estación depuradora municipal, actuacións que forman parte da primeira fase das intervencións necesarias para a mellora do sistema de saneamento e da depuración municipal.

Segundo trasladou a conselleira no encontro mantido esta mañá en Santiago, con este contrato aténdese a solicitude de colaboración do Concello, que é o responsable de prestar os servizos de depuración e saneamento. Augas de Galicia redactará o proxecto de construción destas actuacións e comprométese ao cofinanciamento futuro das obras.

O proxecto construtivo

A base para o desenvolvemento deste contrato susténtase na avaliación realizada polos técnicos de Augas de Galicia para resolver os problemas que presenta actualmente a depuradora, onde o caudal de auga tratada supera de modo relevante o caudal medio de deseño, e para mellorar o funcionamento do sistema de saneamento municipal.

Con todo, tal e como explicou Ethel Vázquez, para unha definición máis detallada das actuacións previstas, faise necesaria a redacción deste proxecto construtivo, que permita definir con máis exactitude a localización e dimensionamento óptimo do tanque de tormentas, co obxectivo de garantir o mantemento dos obxectivos de calidade das augas.

Ademais, a redacción do proxecto construtivo fará posible analizar outras necesidades de ampliación da estación depuradora de augas residuais de Monterroso, como é a liña de lodos.

Este contrato conta coa financiación da Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga

No encontro mantido en Santiago, Vázquez Mourelle reiterou a vontade de axuda e de apoio da Xunta aos concellos nos servizos de saneamento e depuración, de competencia municipal. Isto, lembrou, é compatible coa colaboración que poden e deben prestar tamén outras administracións, como é o caso das Deputacións Provinciais.

A conselleira explicou que, co obxectivo de reforzar e ordenar ese apoio da Xunta aos concellos, o Goberno galego está a tramitar a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, como unha ferramenta para achegar solucións ás necesidades de saneamento dos municipios e mellorar a calidade das augas. A lei atópase nestes momentos en prazo de consulta, tras estender o período de participación publica 15 días máis, tras a reunión mantida coa Fegamp.

A nova norma facilitará os investimentos na mellora dos sistemas, mediante unha corresponsabilidade das administracións, e asegurará unha axeitada prestación dos servizos, ao asumir Augas de Galicia a explotación das infraestruturas dos concellos que así o soliciten de xeito voluntario.

O Goberno galego, a través da futura lei, ofreceralles aos municipios a posibilidade de encomendar a xestión dos seus sistemas de abastecemento e depuración municipais, de xeito voluntario, garantindo unha xestión profesionalizada dos servizos da auga e a eficiencia nos servizos que se prestan aos cidadáns.
 

Imaxes relacionadas