A Xunta inviste máis de 70.000 euros en renovar as carpinterías da fachada do IES Daviña Rey

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que a actuación mellora a eficiencia enerxética e a confortabilidade das instalacións

Monforte de Lemos (Lugo), 1 de outubro de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade está a renovar as carpinterías da fachada do IES Francisco Daviña Rey, en Monforte de Lemos, cun orzamento de máis de 70.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións e explicou que a substitución das carpinterías por outras máis illantes supón un paso importante de cara a conseguir un notable aforro no consumo enerxético e mellorar as condicións de confortabilidade; actualmente estanse a cambiar as das plantas primeira e segunda, que suman máis dunha trintena.

No centro xa se renovaran con anterioridade as ventás da planta baixa, onde se atopa o salón de actos, entre outros espazos; instálanse novas carpinterías con illamento térmico e vidro baixo emisivo e tamén se cambian as persianas.

Arias subliñou que “o investimento da Xunta nos centros educativos públicos é constante, na procura das mellores instalacións para a docencia e a convivencia”. Neste sentido, lembrou que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia extrae ensinanzas da crise sanitaria para apostar por unhas instalacións mellor acondicionadas, máis sustentables e confortables, e implicadas coa educación dixital e as novas metodoloxías de ensino.

Imaxes relacionadas