O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, inaugurou esta mañá en Pontevedra o cuarto Congreso de Adopción e Acollemento

A Xunta aposta polo acollemento familiar como a mellor fórmula para protexer os nenos e os adolescentes

Durante o acto de apertura do evento, organizado pola asociación Manaia, o representante do departamento autonómico sinalou que mais da metade dos menores en réxime de protección en Galicia permanecen en familias, en lugar de en centros

Pontevedra, 1 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia considera prioritario manter a aposta pola adopción e polo acollemento familiar como medidas de protección para os nenos e os adolescentes. Así o asegurou esta mañá o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, durante a inauguración do 4º Congreso de Adopción e Acollemento, organizado pola entidade Manaia no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Proba desta aposta do Goberno galego, sinalou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, é que o número de menores que permanecen acollidos de xeito temporal de familias, tanto extensa como allea, é maior que o daqueles que están nun centro residencial. Por esta razón, sinalou Jacobo Rey, eventos como o que se está a celebrar na cidade do Lérez constitúen grandes oportunidades “para poder abrir novos puntos de vista e visualizar a realidade deste proceso”.


Ampla rede de familias acolledoras

Galicia, engadeu, é unha Comunidade que conta cunha ampla rede de familias acolledoras que ofrecen un fogar aos menores en réxime de protección, polo que o compromiso da Xunta de Galicia pasa por seguir traballando coas familias e as entidades para mellorar esta alternativa aos centros residenciais.

Os datos oficiais correspondentes ao ano 2020 revelan que existen en Galicia preto de 1.200 familias acolledoras, entre familia extensa e familia allea. O director xeral apuntou que o Goberno galego traballa por garantir que o dereito a unha infancia feliz sexa unha realidade para o 100% das nenas e nenos de Galicia. Neste sentido, concretou que o obxectivo central da Administración é que convivan no mellor entorno posible para cada un deles.

Imaxes relacionadas