A Xunta salienta a función dos clústeres como impulsores da competitividade do tecido empresarial galego

O director do Igape, Fernando Guldrís, mantén un encontro con representantes destas asociacións no que pon en valor a súa importancia e capacidade á hora de mobilizar recursos e proxectos, definindo estratexias cooperativas nos distintos sectores económicos

Destaca os programas de axuda que a Administración autonómica vén promovendo neste eido, entre os que destaca a convocatoria para clústeres emerxentes posta en marcha este ano para facilitar o impulso tecnolóxico e fomentar a internacionalización e a innovación

Santiago, 1 de outubro de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, mantivo hoxe un encontro cos representantes dos principais clústeres galegos durante o que destacou o importante papel que xogan estas asociacións na dinamización e na mellora da competitividade do tecido empresarial de Galicia.

Neste sentido, Guldrís puxo en valor o labor que desempeñan os clústeres na mobilización de recursos e proxectos empresarias, así como na definición de estratexias cooperativas nos diversos sectores da economía galega.

O director do Igape felicitou tamén a estas asociacións empresariais polo seu papel como pancas de difusión e pezas estratéxicas no impulso de diferentes proxectos, especialmente en eidos como a internacionalización ou a innovación e transformación dixital dos seus asociados, favorecendo, de xeito decisivo, as pequenas e medianas empresas.

Neste marco, Guldrís resaltou o apoio e colaboración que desde a Xunta de Galicia vense prestando aos clústeres galegos, na procura de potenciar as súas estratexias. Así, o director do Igape destacou o programa de apoio aos clústeres emerxentes, posto en marcha este mesmo ano para facilitar o impulso tecnolóxico e fomentar a internacionalización e a innovación das asociacións empresariais.

Dotada con 500.000 euros, a liña está a fortalecer os clústeres galegos de creación recente —Viratec: Tecnoloxías ambientais; Clúster da Biomasa; e Clúster do Deporte—, permitíndolles mobilizar recursos e reforzando o seu papel activo na definición de estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante este programa, os novos clústeres están a poñer en marcha plans estratéxicos e proxectos orientados ao fomento da dixitalización, a innovación e a internacionalización do tecido produtivo. As axudas dan soporte así ao papel dinamizador que estas entidades teñen na mellora competitiva e no impulso da actividade económica de Galicia.