A Xunta leva a colección do CGAC a Vigo coa exposición 'Pingas rompentes'

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, inauguran a mostra no Museo do Mar de Galicia

Trátase dunha selección de obras de dez artistas específica para o centro museístico situado en Alcabre

A iniciativa enmárcase no proxecto itinerante Unha mirada a Galicia, que se asoma á creación contemporánea galega a través dos fondos do CGAC

Vigo, 1 de outubro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, inauguraron esta mañá no Museo do Mar de Galicia a exposición Pingas rompentes, coa que a Xunta leva a colección do Centro Contemporáneo de Arte Galego (CGAC) á cidade. Comisariada por Sara Donoso, a mostra ofrece unha selección de fondos específica para o centro museístico vigués, con obras de Carla Andrade, Berta Cáccamo, Eva Díez, Christian García Bello, Xurxo Gómez Chao, Vítor Mejuto, Álvaro Negro, Carme Nogueira, Pamen Pereira e Andrés Pinal.

Segundo sinalou Anxo M. Lorenzo na súa intervención, a iniciativa enmárcase no proxecto itinerante Unha mirada a Galicia, que se asoma á creación contemporánea galega a través da colección do CGAC. No caso da instalación inaugurada en Alcabre, creouse “un relato conxunto que visibiliza o interese pola auga, os seus tránsitos e derivacións, que en cada caso se asumen desde o político, o estético ou o social”.

Ademais, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade avanzou que como complemento da exposición, a artista Carme Nogueira realizará en novembro unha actividade que abrangue reflexións arredor do crecemento da cidade de Vigo, os seus fluxos, a influencia do mar e as súas dinámicas.

Así, partindo da peza O Porto (do proxecto Porteños) que presenta na mostra como un relato cruzado entre Chile e Galicia a través da influencia do mar, terá lugar un encontro co público no porto de Vigo para reflexionar sobre a influencia deste espazo na construción da cidade. Deste xeito, a artista activará a obra máis aló da contorna expositiva, convidando aos presentes a preguntarse pola influencia social, política e cultural das cidades portuarias.

Pingas rompentes permanecerá na sala de exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia ata o 9 de xaneiro. Pódese visitar de balde de martes a venres, de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,00 horas.

Imaxes relacionadas