A Xunta constata o éxito da loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro mediante o asentamento do seu parasito nos soutos galegos

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, sinalou que os últimos datos confirman un crecemento exponencial da súa presenza en Galicia

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, informou sobre a afectación das treboadas rexistradas na denominación de orixe Ribeiro a finais de agosto pasado
 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021

A Xunta ten constatado o éxito da loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro mediante o asentamento nos soutos galegos do parasito Torymus sinensis, utilizado dende o ano 2015 para controlar esta doenza. Así, unha vez analizados todos os puntos onde se colleron mostras de bugallas tras as soltas do ano 2020, recuperáronse 3.158 exemplares do parasitoide, o que supón máis do dobre do recuperado en todas as campañas anteriores de 2016 a 2019 (1.393 exemplares). Así o avaliou hoxe no Parlamento o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, en resposta a unha pregunta sobre as accións de loita contra esta enfermidade do castiñeiro.


O director xeral sinalou que estes datos confirman un crecemento exponencial da presenza do parasito nos soutos de Galicia. En concreto, segundo explicou Chan, detectouse Torymus en 131 cuadrículas das 141 nas que se divide a nosa comunidade para a execución dos traballos de loita contra a avespiña do castiñeiro, o que supón preto dun 93 % desas cuadrículas. Contemplando as cifras do asentamento do parasito, constátase así que a Xunta comeza a gañar a batalla a través desta loita biolóxica, mantendo as poboacións de avespiña por baixo do limiar de danos nas plantas de castiñeiros para Galicia.

No que atinxe ao plan de control deste ano 2021, o director xeral informou de que a Consellería do Medio Rural soltou na pasada primavera -en 7.394 puntos da xeografía galega- un total de 7.619 caixas con 210 individuos de Torymus sinensis, o que supuxo 1.599.990 individuos liberados. Estas soltas realízanse en masas continuas de castiñeiro e concéntrase o número de individuos con respecto a anos anteriores, co fin de establecer poboacións estables que logo colonizarán o resto de masas. Canto ao investimento, o orzamento deste ano supera os 2,2 millóns de euros, o que supón un incremento próximo ao 3% con respecto ao presuposto do pasado exercicio.
José Luis Chan indicou ademais que actualmente estase a proceder coa planificación e comezo da recollida de bugallas xa secas, para comprobar o grao de parasitación obtido tanto coas soltas realizadas este ano como pola propia dinámica poboacional dos parasitoides xa asentados no territorio. Este último proceso consiste en seleccionar 1.200 puntos onde se realizaron as liberacións do parasitoide para recoller un mínimo de 10 bugallas en cada, un polo que, en total, analizaranse 12.000 bugallas.
A principal finalidade da mostraxe é coñecer a presenza e as taxas de parasitismo das soltas realizadas durante estes últimos anos, pero tamén recoller outro tipo de información valiosa para a loita contra a avespiña do castiñeiro, doenza que impide a frutificación. A selección destes puntos permite a planificación máis precisa dos traballos de soltas e o coñecemento da dinámica das poboacións do parasito de cara a programar con maior eficacia as soltas de 2022.
A maiores, o director xeral destacou que dende o ano 2015, no que se comezou con este sistema natural, a Xunta liberou uns 5,7 millóns de individuos de Torymus sinensis por todo o territorio galego, o que supuxo un investimento superior aos oito millóns de euros. Arestora trátase do único método existente para loitar contra este organismo e, de feito, o resultado deste tipo de soltas amosa a efectividade desta medida, que está sendo un referente noutras comunidades autónomas e mesmo noutros países.
Programa estratéxico da castaña e dos soutos
Por outra banda, José Luis Chan anunciou tamén que a Consellería do Medio Rural está a elaborar, consonte ao establecido no Plan Forestal de Galicia, un borrador do programa estratéxico da castaña e dos soutos, que será sometido á consideración do sector antes de final de ano, a través dos diferentes organismos de consulta, tales como a Mesa da castaña, o Consello Forestal ou o consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia. A intención da Consellería, unha vez creada a Área técnica dos soutos, dentro da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, é incorporar as achegas do sector para poder aprobar este documento ao longo do vindeiro ano.

Treboadas no Ribeiro

Por outra parte, en resposta a unha pregunta sobre a cuestión, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, informou sobre a afectación das treboadas rexistradas na denominación de orixe Ribeiro a finais de agosto pasado. Tal como xa fixera o propio conselleiro do Medio Rural nunha visita á zona, Cabarcos sinalou que a sarabia caeu sobre unha superficie aproximada de 190 hectáreas de viñas, das cales nunhas 130 os danos foron mínimos e nas restantes 60 hectáreas si houbo unha afectación maior. Ademais, engadiu que, segundo estas avaliacións, o total de uvas afectadas están por baixo do 4% da produción da DO. Puntualizou tamén que os efectos foron máis ben localizados no territorio, pero que, en todo caso, os técnicos de Medio Rural asesoraron dende o primeiro momento os viticultores e as adegas para minimizar as perdas.

Ao tempo, o responsable da Agacal lembrou aos agricultores que poden acollerse á orde de axudas que convocou o Goberno galego en xaneiro pasado para fomentar os seguros agrarios. Así, as achegas da Xunta para fomentar a contratación das pólizas agrarias ascenden neste 2021 aos 6 millóns de euros, un 20% máis que o orzamentado o ano pasado. Nesa liña, insistiu na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, recordando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias.

A maiores, José Luis Cabarcos explicou que anualmente a Consellería do Medio Rural remite ao Ministerio de Agricultura un informe pormenorizado con todos os fenómenos climáticos adversos e a avaliación dos danos causados, que serve de base para a adopción de medidas de competencia estatal. Neste sentido, o director da Agacal cualificou como relevante a diminución de cargas tributarias sobre os produtos agrícolas e gandeiros afectados, mediante a redución dos módulos para a estimación do imposto da renda. Engadiu que a Xunta considera que “esta é a solución estrutural que temos que aplicar” e amosou neste sentido a disposición da Consellería do Medio Rural para traballar, no marco da Comisión Territorial de Seguros Agrarios, en todos aqueles aspectos que sirvan para mellorar as liñas de seguros dispoñibles para os agricultores e gandeiros.
 

Imaxes relacionadas