A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, presidiu a sinatura do contrato que dará soporte técnico ao proceso de construción do Novo Hospital Público da Coruña

A Xunta asina o contrato para a elaboración dos proxectos e a dirección das obras do Novo Chuac, un investimento de 430 M€ para blindar a asistencia sanitaria da Coruña nas vindeiras décadas

Vázquez Mourelle salienta que o contrato, adxudicado á UTE Pinearq–Vázquez Muíño–Monteoliva por máis de 6M€, dará soporte técnico á maior obra da lexislatura en Galicia

Destaca que se trata de duplicar a área hospitalaria do actual CHUAC ata chegar aos 86.500 m² e executar diferentes obras ata acadar a configuración final do hospital

A Coruña, 1 de outubro de 2021

A Xunta asinou hoxe o contrato para a elaboración dos proxectos e dirección das obras do novo CHUAC, que suporá un investimento de 430 millóns de euros e blindará a asistencia sanitaria das Coruña nas vindeiras décadas.
Vázquez Mourelle, co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, presidiu a sinatura do contrato que dará soporte técnico ao proceso de construción do Novo Hospital Público da Coruña.
O contrato foi asinado entre a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, María Jesús Piñeiro, e o responsable da UTE adxudicataria, Manuel Vázquez Muíño.
Este é o traballo, adxudicado por máis de 6 M€, é asumido desde hoxe polas empresas que conforman a UTE Pinearq–Vázquez Muíño–Monteoliva. A súa oferta resultou gañadora do concurso público ao que se presentaron 7 propostas.
A conselleira indicou que coa sinatura do contrato bota a andar o proxecto hospitalario máis complexo de todos, que recibirá o maior investimento en infraestruturas que está a impulsar a Xunta na actualidade, converténdose na maior obra da lexislatura en Galicia.
Sinalou que o primeiro paso é a elaboración do anteproxecto definitivo no que se plasmará a configuración do Novo Chuac para iniciar a tramitación urbanística e a elaboración do proxecto de urbanización, viarios e accesos.
Unha vez se dispoña do anteproxecto, apuntou que nos primeiros meses de 2022 se concretará o cronograma das fases do novo complexo, que empezará cos ámbitos que non precisan de tramitación urbanística, como o centro de formación e I+D+i e as demolicións.

Duplicar a área hospitalaria

Explicou que o proxecto, no seu conxunto, ten como obxectivos globais duplicar a área hospitalaria do actual CHUAC ata chegar aos 86.500 m² e executar obras de diferentes tipos ata acadar a configuración final do hospital.
Para isto, detallou que haberá traballos previos de adecuación da parcela e demolicións, de urbanización e accesibilidade, de accesos viarios, de rehabilitación do edificio actual, de construción do novo centro de formación e I+D+i; e de execución das novas edificacións e dun novo aparcadoiro de máis de 2.600 prazas.
Concretou que na execución destas obras se prevé mobilizar a máis de 6.100 traballadores.
Pola súa banda, o xerente do Servizo Galego de Saúde remarcou que desde o punto de vista asistencial, este proxecto permitirá incrementar un 108% o número de salas e postos de Urxencias, un 50% as consultas e postos de observación, un 15% as camas dispoñibles e un 50% as habitacións individuais.
José Flores destacou que o novo CHUAC vai supor un punto de inflexión na asistencia sanitaria para esta cidade e para a súa contorna.

Fase 0 en execución

En todo caso, a responsable de Infraestruturas fixo fincapé en que o Novo Chuac é xa unha obra en execución, coa Fase 0 que xa se está a desenvolver.
Recordou que se está a traballar na creación dun novo Hospital de Día, no incremento do número de camas grazas á creación dunha nova planta de hospitalización e ampliando os servizos de urxencia e o número de camas para coidados intensivos.
Salientou que estes traballos, que supoñen un investimento de 13 millóns de euros, estarán rematados o vindeiro ano.

Aposta pola sanidade pública

A conselleira puxo en valor que a Xunta está a acometer o maior proceso de reforzo e renovación das infraestruturas hospitalarias en Galicia.
Precisou que están en plena execución a ampliación e reforma do Hospital Público de Ferrol e a construción do Gran Montecelo en Pontevedra, que suman un investimento próximo aos 200 M€.
Ademais adiantou que antes de que remate o ano se prevén iniciar as obras da ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, que suporán un investimento de máis de 52 M€, mentres avanza o proxecto que reforzará o Hospital público de Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas