A Xunta inicia o procedemento ambiental do apartadoiro ferroviario da Plisan

Este equipamento terá conexión directa coa liña ferroviaria Monforte-Ourense-Vigo e, a través dela, co porto de Vigo

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia iniciou o trámite ambiental para dotar dun apartadoiro ferroviario á plataforma loxístico-industrial de Salvaterra-As Neves, que permitirá completar a intermodalidade do parque empresarial.

O proxecto sectorial da Plisan inclúe unha superficie para o desenvolvemento dunha área de actividade intermodal (CI), na zona sur do ámbito, dentro dos sistemas xerais da plataforma, cuxo procedemento se inicia co trámite ambiental.

O apartadoiro ferroviario contará con conexión directa á liña Monforte-Ourense-Vigo en dous puntos xa autorizados por ADIF e permitirá a intermodalidade ferrocarril-estrada-transporte marítimo.

Para iso, a área intermodal estará conectada coa autovía A-52 das Rías Baixas a través da conexión da mesma coa Plisan, xa construída pola Xunta e en servizo. Ao mesmo tempo, o ferrocarril conectará a plataforma co porto de Vigo para o transporte marítimo.

A terminal contará con vías para recepción, clasificación e expedición de mercadorías; plataforma de almacenamento e vías para contedores; campa para automóbiles; vías de estacionamento de locomotoras; e cargadoiros ferroviarios.