A delegación territorial da Xunta recibe en Pontevedra a un grupo de 65 peregrinos da Illa da Palma e trasládalle unha mensaxe de ánimo e apoio

A secretaria territorial, Marta Iglesias, e o xefe territorial de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro, déronlle a benvida aos camiñantes, do Club El Atajo, e entregáronlle uns obsequios conmemorativos do Xacobeo 2021-2022

Os peregrinos están a completar o Camiño Portugués pola Costa, que tiveron que interromper pola pandemia no ano 2020, e hoxe realizarán a etapa entre a capital provincial e Portas co obxectivo de chegar a Santiago o vindeiro luns

Pontevedra, 1 de outubro de 2021

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia recibíu esta mañá, na Praza de Galicia de Pontevedra, a un grupo de 65 peregrinos procedentes da illa canaria da Palma e trasladoulles unha mensaxe de ánimo e apoio pola difícil situación que están a padecer como consecuencia da erupción do volcán Cumbre Vieja.

A secretaria territorial, Marta Iglesias, e o xefe territorial de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro, déronlle a benvida á capital provincial a este numeroso grupo de camiñantes, pertencentes ao Club El Atajo, e amosáronlle toda a solidariedade, colaboración e cariño da Xunta de Galicia e do pobo galego.

Ademais, fixéronlle entrega duns lotes de obsequios conmemorativos do Ano Santo Xacobeo 2021-2022, consistentes en camisetas e máscaras, así como dun boneco de peluche da Cunchiña, a mascota oficial desta efeméride, para que o grupo a leve ata a Catedral de Santiago.

“O pobo galego sinte algo especial por todos os peregrinos e, no caso deste grupo, quixemos ter un detalle especial e expresarlles o noso cariño e apoio e que saiban que os galegos se solidarizan coa súa situación ante as enormes dificultades e os terribles efectos que sofren pola erupción do volcán Cumbre Vieja”, sinalaron os representantes autonómicos.

Este grupo de peregrinos está a retomar esta semana a súa andaina cara a Santiago completando o Camiño Portugués pola Costa, que emprenderon dende Porto en 2019 e que tiveron que interromper por mor das restriccións da pandemia o pasado ano. Está previsto que hoxe realicen a etapa entre Pontevedra e Portas co obxectivo de alcanzar Santiago o vindeiro luns.

Imaxes relacionadas