A Xunta lanza unha enquisa sobre o coñecemento e manexo das mulleres nas tecnoloxías da información para afondar na fenda dixital e achegar solucións

A iniciativa enmárcase no estudo que está elaborando a Consellería de Emprego e Igualdade sobre o papel das mulleres ante as TICs para mellorar a súa capacitación neste ámbito e incrementar as oportunidades laborais

Na enquisa participan, ademais da cidadanía en xeral, as persoas implicadas no movemento asociativo de mulleres de Galicia e no eido da ciencia e a tecnoloxía para que aporten as súas experiencias

A Xunta creou este ano, no seo do Consello Galego das Mulleres, a Comisión de Mulleres nas TICs cun enfoque transversal para loitar contra a fenda tecnolóxica e contribuír, deste xeito, á autonomía das mulleres

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021

A Xunta está a realizar unha enquisa sobre o estado de coñecemento e manexo das mulleres no ámbito das tecnoloxías da información (TICs), no marco do estudo que está elaborando sobre o papel das mulleres ante as TICs con fin de que permita afondar nas fenda tecnolóxica e aportar solucións de capacitación para mellorar a empregabilidade. A elaboración deste estudo detallado acordouse levar a cabo na Comisión de Mulleres nas TICs creada este ano cun enfoque transversal no seo do Consello Galego das Mulleres.

Na enquisa, na que, polo tanto, recóllese información cuantitativa e cualitativa sobre a situación actual das mulleres galegas e a súa relación coas TICs, participan, ademais da cidadanía en xeral, as persoas implicadas no movemento asociativo de mulleres de Galicia e do eido da ciencia e tecnoloxía co propósito de que acheguen as súas experiencias e opinións sobre o estado de coñecemento e manexo das mulleres no ámbito das TICs, xa que o uso das novas tecnoloxías contribúe á autonomía das mulleres, sobre todo nas zonas do rural.

Na enquisa, entre outros, abórdanse cuestións referidas ao número de medios tecnolóxicos que existen nos postos de traballo; a conexión de Internet nos fogares e no medio laboral; a formación e coñecementos sobre as TIC; o uso que se dá da tecnoloxía; os ámbitos nos que se considera necesario ofrecer máis formación en novas tecnoloxías; e sobre o coñecemento do que é a fenda dixital. Pódese descargar a través da ligazón: https://forms.gle/15vjijgoLRbA9p6R7.

A Xunta, ademais, traballa, no marco da Unidade Muller e Ciencia, en situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica e tecnolóxica, con iniciativas que dan coñecer o papel de destacadas referentes nestes ámbitos como o Premio María Josefa Wonenburger ou iniciativas que promoven o encontro entre profesionais das TICs co alumnado galego como Nin+Nin-.

Coñecer a realidade das mulleres fronte ás tecnoloxías, cara a poder deseñar unha folla de ruta que atenda ás súas necesidades de capacitación e coñecementos é, en definitiva, o obxecto do estudo que a Consellería de Emprego e Igualdade está a realizar a través do Consello Galego das Mulleres.

Imaxes relacionadas