Feijóo avanza un apoio de 11,6 M€ para poñer en marcha a primeira fase do polo de tecnoloxías cuánticas con aplicacións na medicina, biotecnoloxía, aeronáutica ou telecomunicacións

Incide en que esta primeira fase permitirá despregar as infraestruturas necesarias, do polo, como un simulador e un computador cuántico ou un sistema de computación de altas prestacións

“O obxectivo é axudar ao progreso do noso tecido produtivo e investigador e apoiarnos nesta panca para a transición dixital”, di
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de 11,6 millóns de euros para poñer en marcha a primeira fase do Polo de Tecnoloxías Cuánticas con aplicacións na medicina, biotecnoloxía, aeronáutica ou telecomunicacións.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que esta primeira fase permitirá despregar as infraestruturas necesarias, do polo, como: un simulador e un computador cuántico; un sistema de computación de altas prestacións; e un sistema de almacenamento exclusivo para computación cuántica que estará no Centro de Datos do Cesga. “O obxectivo é axudar ao progreso do noso tecido produtivo e investigador e apoiarnos nesta panca para a transición dixital”, explicou.

Ademais, resaltou que a instalación no Cesga do supercomputador Finisterrae III axudará tamén a poñer en marcha o polo. Non en van, trátase dunha ferramenta na que se investiron 7 millóns de euros entre o Goberno galego e o CSIC, con capacidade para resolver 4.000 billóns de operacións matemáticas por segundo; é dicir, con 12 veces máis capacidade que o seu predecesor, o Finisterrae II.

Finalmente, o presidente da Xunta concluíu a súa intervención agardando que o proxecto do Polo de Tecnoloxías cuánticas, que implicaría un orzamento de 154 M€, poida beneficiarse de fondos europeos Next Generation.
 

Imaxes relacionadas