A Xunta licita por preto de 210.000 euros a execución dun novo muro de protección na marxe do río Mero en Ponte Peiraio, no concello de Cambre

Actuarase no noiro de sostemento da senda fluvial sobre a marxe esquerda da canle do río, acondicionando tamén o treito do itinerario soportado por este

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 28 de outubro para presentar as súas ofertas
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou por preto de 210.000 euros a execución dun novo muro de protección na marxe do río Mero en Ponte Peiraio, no concello de Cambre.

A Plataforma de contratos públicos de Galicia publica hoxe o contrato para executar as actuacións necesarias para protexer o noiro de sostemento da senda fluvial de Ponte Peiraio, sobre a marxe esquerda da canle do río Mero. As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o día 28 de outubro para presentar as súas ofertas.

Os traballos obxecto das obras proxectadas por Augas de Galicia teñen por obxectivo a reconstrución do citado muro, protexendo o noiro e detendo a perda de material do terreo. Ademais, acondicionarase a senda fluvial, na que se reporá o pavimento con zahorra artificial.

A execución do muro levarase a cabo por bataches, atacándose o baleirado e construción de muro de dique por nichos alternos, de 2 metros de lonxitude máxima, de xeito que o material non escavado ou muro xa executado exerzan de contraforte para o sostemento do terreo.

Con esta intervención, de Augas de Galicia, como organismo de conca con competencias na xestión do risco de inundacións na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, actúa para previr e paliar os efectos deste tipo de episodios.

Cómpre lembrar que os servizos de conservación fluvial de Augas de Galicia levaron a cabo distintas actuacións de reforzo e mantemento neste mesmo noiro, tras verse afectado polas sucesivas frontes de choivas acontecidas en decembro do 2019.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a colaborar co Concello de Cambre, con quen asinou o pasado ano un convenio de colaboración para o mantemento da contorna do río Mero, cun investimento autonómico de case 160.000 euros.