A nova produción do Centro Dramático Galego ‘Serva Me, Servabo Te’ chega o sábado a Ferrol

O Teatro Jofre acolle ás 20,30 horas o espectáculo da unidade teatral da Xunta creado por Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez

A función enmárcase nunha xira que inclúe tamén Lugo, onde se representa hoxe, e Estambul, onde estará o 9 de outubro

Con máis de 100 funcións programadas, 40 delas en xira, o CDG está a reforzar este ano o seu papel como motor da escena galega en todo o territorio
 

Ferrol, 30 de setembro de 2021

A unidade teatral da Xunta, o Centro Dramático Galego (CDG), leva a súa nova produción, Serva me, servabo te, a Ferrol, cunha función no Teatro Jofre o sábado 2 de outubro ás 20,30 horas. Tras a súa estrea no Carballiño e a permanencia en cartel durante tres semanas no Salón Teatro de Santiago, a creación de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez chega á cidade departamental no marco dunha xira que inclúe tamén Lugo e o Malpete Theater Festival de Estambul. Posteriormente volverá a Compostela con dúas novas funcións a mediados de outubro.

Serva me, servabo te (Axúdame, axudareite, en latín) é un espectáculo no que a dramaturxia xorde desde o movemento e o xesto, e coa que o CDG visibiliza o seu apoio ás novas linguaxes escénicas. Creada e dirixida por Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez, a peza aborda a liña que separa a violencia do afecto, ademais de reivindicar o corpo como material que iguala sen distincións. Deste xeito, o escenario, no que se fantasía co derrubamento dun edificio de vinte alturas, preséntase como un corpo nu ante a inmensidade.

Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez e Cris Vilariño compoñen o elenco desta nova montaxe. Nela combínase xuventude e experiencia, tanto na interpretación como no equipo artístico.

Así, a creadora escénica AveLina Pérez é a asistente de dirección, e a escenógrafa, vestiarista e iluminadora Carmen Triñanes asume a iluminación e a videocreación, xunto á escenografía de xeito compartido con Laura Iturralde. O vestiario corre a cargo do actor e deseñador Xoel Álvarez e o espazo sonoro, de Xavier Bértolo. Roberta Ferrara e Xandre Vázquez son asistentes de coreografía e de produción, respectivamente.

As entradas están xa á venda a través de ataquilla.com. Tamén se poden adquirir o mesmo día da función no despacho de billetes do Teatro Jofre, en horario de tarde.

Motor da escena galega

Con máis de 100 funcións programadas, 40 delas en xira, e proxectos nun cento de concellos, a unidade de produción teatral da Xunta está a reforzar este ano o seu papel como motor da escena galega e a prol da creación de público en todo o territorio.

Así, ao longo de 2021 serán catro as producións propias, nove coproducións, diversas residencias e outras iniciativas máis as materializadas grazas á aposta pola colaboración con todos os axentes do sector, como a bolsa de dramaturxia e creación.

De cara á continuidade da temporada, o CDG traballa en novos espectáculos. Ademais, avanza no proceso de selección dos elencos das vindeiras producións, co desenvolvemento das probas estes días. Trátase dunha adaptación teatral de A peste, de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de Ás 8 da tarde cando morren as nais, baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.
 

Imaxes relacionadas