O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) asistiu á degustación destes produtos galegos como antesala da proba deste domingo no campo da Zapateira

A Xunta promociona os produtos agroalimentarios de calidade no marco da segunda proba do Circuito de Golf TUR 43 – España Verde que terá lugar na Coruña

A Agacal celebrou esta tarde unha nova degustación con produtos premiados nas diferentes catas que organiza a Consellería do Medio Rural, tanto a de viños, augardentes e licores como a de queixos e meles

Este certame busca consolidar ao norte de España como un destino de referencia para as persoas que practican este deporte e, ao mesmo tempo, promocionar os alimentos de calidade de cada rexión, o Xacobeo e o turismo en xeral nesta parte do país

A Coruña, 29 de setembro de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, asistiu esta tarde á degustación de produtos agroalimentarios galegos de calidade organizada co gallo do I Circuíto de Golf TUR 43 – España Verde, que celebrará a súa segunda xornada o vindeiro domingo no campo da Zapateira (A Coruña).

Desta forma, a Consellería do Medio Rural segue a promocionar os produtos galegos premiados nas diferentes catas que organiza, tanto a de viños, augardentes e licores como a de queixos e meles. No evento estiveron presentes unha trintena de empresarios e distribuidores do mundo da restauración e da gastronomía para degustar e comprobar a calidade dos produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade.

Este certame deportivo, que tamén conta co apoio da Vicepresidencia primeira a través de Turismo de Galicia, busca consolidar ao norte de España como un destino de referencia para as persoas que practican o golf e, ao mesmo tempo, promocionar os alimentos de calidade de cada rexión, o Xacobeo e o Camiño do Norte a Santiago; así como o turismo a través da promoción desta práctica deportiva, que en Galicia conta con máis de 10.000 deportistas federados, un mercado moi interesante para a nosa comunidade pola súa capacidade de desestacionalizar a nosa oferta turística.

Así, a seguinte proba deste concurso terá lugar o vindeiro 9 de outubro no Meaztegi Golf Club de Bilbao; mentres que a gran final deste circuíto celebrarase o 16 de outubro no Real Aeroclube de Santiago, no concello coruñés de Ames. En todas estas probas, que se están a celebrar nas comunidades autónomas do País Vasco, Asturias e Galicia, a Agacal estará presente coas “Catas de Galicia”, promocionando todos estes produtos de calidade.