O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe á asemblea xeral extraordinaria do Círculo de Empresarios de Galicia xunto ao conselleiro do Medio Rural, José González

Galicia espera poder competir en igualdade de condicións para que o reparto dos fondos europeos chegue ás pemes

Apunta que o novo presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, Manuel Rodríguez Vázquez, asume o cargo nun contexto cheo de retos que pasan por impulsar a transformación e a resiliencia do tecido económico

Destaca a súa experiencia en sectores como o naval; e que, polo tanto, saiba o que Galicia se está xogando cando defende a oportunidade de poder participar nun Perte específico para esta industria

Vigo, 29 de setembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reiterou hoxe que Galicia espera poder competir en igualdade de condicións que o resto de comunidades autónomas para que o reparto dos fondos europeos chegue ás pequenas e medianas empresas. Segundo dixo, os proxectos tractores da candidatura galega buscan facer da dixitalización e a sustentabilidade un elemento transversal e integrar neles as pemes, que teñen que ser as principais beneficiarias destes fondos.

Así o manifestou logo de asistir á asemblea xeral extraordinaria do Círculo de Empresarios de Galicia que nomeou o seu novo presidente, Manuel Rodríguez Vázquez, do que Conde destacou a súa experiencia en sectores como o naval; e que, polo tanto, dixo, sabe o que Galicia se está xogando cando defende a oportunidade de poder participar nun Perte específico para esta industria.

O vicepresidente económico, que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, salientou que o novo presidente do Círculo de Empresarios de Galicia asume o cargo nun contexto cheo de retos que pasan por impulsar a transformación e a resiliencia do tecido económico. Non se trata de volver ao punto de partida, observou Conde, senón que a recuperación significa lograr que a economía sexa máis resiliente transformando o modelo produtivo sobre a base da dixitalización e a sustentabilidade.

Son retos estruturais, engadiu, que conviven con outros retos conxunturais froito das imprudencias da política enerxética do Goberno, afirmou, para destacar como a factura eléctrica actual dispara os custos de produción na industria, que tamén ten que facer fronte á crise dos microchips ou a alza do prezo das materias primas.

Neste sentido, Conde avogou pola unidade, a cooperación e a suma de esforzos. E puxo a colaboración público-privada como a mellor fórmula para afrontar o contexto actual onde a Xunta espera atopar no Círculo de Empresarios de Galicia un interlocutor disposto a facer achegas e propostas.

Imaxes relacionadas