A Xunta amosa a fortaleza do sector biotecnolóxico galego na Feira Biospain en Navarra

Unha delegación local formada polos clústeres de Saúde e Ciencias da Vida, as tres universidades galegas e a propia Administración autonómica participan desde o pasado luns neste evento de referencia a nivel europeo

No marco da iniciativa tivo lugar o encontro Galicia Bio Event para dar visibilidade ao ecosistema de innovación biotech na Comunidade

Pamplona (Navarra), 29 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), está a participar e colaborar coa feira Biospain, un dos eventos de referencia do sector biotecnolóxico en Europa. A Administración autonómica forma parte da delegación do sector galego –coa representación de Gain e a Axencia de Coñecemento en Saúde (Acis)–, xunto aos clústeres de Saúde e de Ciencias da Vida (Bioga), as tres universidades galegas e empresas.

No marco desta feira, onte tivo lugar o Galicia Bio Event, un encontro organizado pola delegación galega e onde a directora de Gain, Patricia Argerey, puxo en valor esta iniciativa ao supoñer “unha oportunidade única para visibilizar e dar a coñecer o potencial do sector biotecnolóxico galego e contribuír ao seu impulso a nivel internacional”. Ademais, asegurou que se trata dunha oportunidade para “coñecer as últimas tendencias en investigación, establecer colaboracións, asistir a conferencias de alto nivel e facer networking con empresas de todo o mundo, co obxectivo de atraer a grandes firmas cara ao polo de innovación biotecnolóxica de Galicia”.

Neste sentido, sinalou a posta en marcha por parte da Xunta dunha estratexia de impulso ao sector no período 2016-2020, a cal permitiu duplicar o número de empresas vencelladas á industria biotech en Galicia e incrementar a facturación nun 72% e o emprego en máis dun 70%.

Así mesmo, fixo referencia á nova estratexia de consolidación para o período 2021-2027 co obxectivo de seguir vertebrando a todos os axentes e consolidar a industria para situar a Galicia entre as comunidades de referencia no ámbito da biotecnoloxía.

Participación galega

O Galicia Bio Event, celebrado na Casa de Galicia en Pamplona, levouse a cabo co obxectivo de promover a colaboración empresarial, visibilizar o ecosistema de innovación biotech galego e presentar o caso de éxito da spin-off galega Libera Bio, apoiada polo programa Ignicia da Xunta e Fundación Barrié.
Mañá xoves, representantes das empresas biotecnolóxicas galegas Libera Bio, Sunrock Biopharma e Health in Code intervirán nunha mesa redonda sobre terapias personalizadas adaptadas ás necesidades dos pacientes.

A feira, que conta cunha edición mixta, presencial e virtual, ten prevista unha asistencia de máis de 1500 profesionais de todo o mundo.
 

Imaxes relacionadas