A Xunta dotará ao hospital público do Salnés dunha nova unidade de esterilización que duplicará a actual

Nos próximos días, o Executivo galego licitará por 770.000 euros a nova infraestrutura do centro sanitario arousán

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que está actuación adaptará o hospital á nova capacidade cirúrxica da que dispón tras a súa ampliación

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou hoxe no Parlamento de Galicia, da construción dunha nova unidade de esterilización no hospital público do Salnés. A infraestrutura duplicará á superficie actual adicada a este proceso, adaptando así á capacidade do seu bloque cirúrxico, tras ampliación do centro sanitario.

O titular da carteira sanitaria da Xunta avanzou que a nova unidade de esterilización licititarase nos vindeiros días por un importe de 770.000 euros.

García Comesaña subliñou a importante aposta realizada pola Xunta de Galicia para reforzar a calidade asistencial na área sanitaria do Salnés. Así, remarcou que “o hospital do Salnés medrou en superficie e tamén medrou na súa carteira de servizos”.

Neste senso, lembrou o investimento de 8,5 millóns de euros cos que o Executivo galego ampliou o centro hospitalario arousán, e que lle permite contar cunha nova área de urxencias, un bloque cirúrxico dotado con 5 quirófanos, unha área obstétrica que multiplica por cinco a súa superficie anterior, e un hospital de día que conta 10 boxes.

Ademais, informou da partida de preto dun millón de euros para adquisición de equipamento, entre o que se atopan: cardiotocógrafos, incubadora para a área obstétrica, respiradores BIPAP para urxencias, arco radiocirúrxico e unha torre de endoscopia para o bloque cirúrxico.

Finalmente, tamén destacou o importante incremento da carteira de servizos do hospital comarcal, ao incorporar nos últimos anos as especialidades de cardioloxía, neuroloxía, ademais da oncoloxía médica.

Imaxes relacionadas