Conde lamenta que Goberno e Concello de Pontevedra non asuman a súa responsabildiade de buscar unha solución para os traballadores de Ence

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, informou hoxe no Parlamento galego de que a Xunta trasladou o luns aos empregados o seu compromiso de apoiar a proposta de que a fábrica de Lourizán pase a formar parte do solo da Autoridade Portuaria de Marín

Da continuidade da fábrica na súa localización actual dependen máis de 5000 empregos, máis de 1800 pemes e autónomos provedores de madeira e máis de 450M€ en achegas ao PIB galego

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, lamentou esta mañá no Parlamento galego que Goberno central e Concello de Pontevedra non estean asumindo a súa responsabilidade de buscar unha solución para os traballadores de Ence. Desde a Xunta, asegurou Conde, “seguiremos colaborando na busca dunha alternativa desde a legalidade para que Ence permaneza en Lourizán”.

Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia xa se comprometeu o pasado luns a apoiar a proposta trasladada polos traballadores de que a fábrica en Lourizán pase a formar parte do solo da Autoridade Portuaria de Marín, unha vez que a empresa deixou ben claro que non existe unha localización alternativa posible. Así, esta proposta trasladarase ao Consello Consultivo para que informe sobre esta cuestión e, a continuación, comunicar o resultado do mesmo ao Goberno para que contemple esta posibilidade e poida ser avaliada na próxima mesa de Ence.

Da continuidade da fábrica na localización actual dependen máis de 5000 empregos directos e indirectos, máis de 1800 pemes e autónomos provedores de madeira e máis de 450M€ en achegas ao PIB galego. Por este motivo, Conde reiterou que a Xunta seguirá ao carón tanto da industria galega como das familias xa que non hai razón que xustifique unha transición ecolóxica sen industria e sen emprego para Galicia.