A Xunta ratifica que o Plan de restauración de Casalonga contempla un uso forestal do terreo

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou esta mañá no Parlamento que a Xunta de Galicia vela polo cumprimento da normativa aplicable e que a empresa conta con todas as autorizacións necesarias para continuar coa actividade mineira

Defende unha minería responsable e sustentable, pero advirte de que a Administración autonómica estará vixiante

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, explicou esta mañá, no Parlamento galego, que a restauración de Casalonga contempla un uso forestal.

O vicepresidente económico lembrou que o actual titular da concesión ten o dereito de continuar coa actividade mineira sempre e cando cumpra con todas as condicións técnicas, urbanísticas e ambientais legalmente establecidas. Ao respecto, a empresa conta con todas as autorizacións necesarias e a actuación da Xunta está centrada en velar polo cumprimento da normativa aplicable.

Así, e con respecto ao Plan de restauración, a Xunta desestimou dúas propostas anteriores presentadas pola empresa ao comprobar que non cumprían coas exixencias medioambientais. Finalmente, autorizouse a terceira actualización do plan xa que non introducía variacións substanciais con respecto ao aprobado en 2002. A proposta inclúe un uso forestal do terreo, non contemplando a restauración con ningún tipo de material procedente do exterior.

Conde avogou pola defensa dunha minería responsable e sustentable, unha industria que xera 4400 postos de traballo cunha facturación de 600M€ anuais. Defendeu a actuación da Xunta conforme a dereito, con rigor e criterio técnico e xurídico, así como con total transparencia e incidiu en que a Administración autonómica seguirá vixiante.