As unidades postcovid postas en marcha polo Sergas realizaron preto de 5.000 consultas que permiten unha atención máis especializada aos pacientes

Na actualidade, 27 facultativos conforman estas unidades, sendo as especialidades máis numerosas a de pneumoloxía, con 9 médicos, e medicina interna, con 12. Ademais traballan nelas 21 profesionais de enfermería

Enviouse unha enquisa a preto de 95.000 persoas que padeceron a covid, para detectar posibles secuelas

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou hoxe no Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara, que as Unidades Multidisciplinares PostCovid postas en marcha polo Sergas nas sete áreas sanitarias, levan realizadas 4.690 consultas médicas e 244 de enfermería, é dicir, un total de preto de 5.000 consultas que permiten unha atención máis especializada aos pacientes e nas que se lles realizan todas as probas necesarias para comprobar a súa evolución.
Tal e como remarcou o conselleiro, estas unidades multidisciplinares de atención asistencial marcan o camiño doutras, como as de mama, e para as que a Xunta vén de publicar, recentemente, a orde que regula a súa creación, composición, organización e funcionamento, cumprindo así un mandato do Parlamento de Galicia.
Segundo sinalou García Comesaña, este xeito de atender aos pacientes é moito máis eficaz e evita moitos trámites e consultas intermedias, ofrecendo unha atención de maior calidade.
Na actualidade, 27 facultativos conforman as unidades PostCovid, sendo as especialidades máis numerosas a de pneumoloxía, con 9 médicos, e medicina interna, con 12. Ademais traballan nelas 12 profesionais de enfermería.
Sinalar, así mesmo, que unha vez que as unidades estiveron implantadas en todas as áreas, deseñouse unha enquisa, por profesionais de medicina interna, pneumoloxía e atención primaria, para posibilitar a detección de secuelas naqueles pacientes que padeceran a covid. Deste xeito, posibilítase valorar a situación do doente de cara a unha derivación ás unidades e determinar se os pacientes padecen covid persistente.
A enquisa enviouse a un total de 94.322 persoas que padeceron a covid. Agora xa se realiza de xeito automático a partir de ter transcorridas as 12 semanas dende o diagnóstico.
Este labor foi clave para o traballo a desenvolver dende as unidades, xa que os pacientes nos que o médico de familia detectaba unhas secuelas máis graves, eran derivados ás unidades.
Os resultados das enquisas amosaron que as alteracións psicolóxicas, respiratorias, fátiga, dores musculares e de cabeza, perda do olfacto e do cabelo, son os síntomas referidos cunha maior frecuencia.
Estes resultados da enquisa viñeron demostrar a necesidade de facerlle un seguimento a todas estas persoas que continuaban a padecer as consecuencias da enfermidade, garantíndolle unha atención especializada por parte dun equipo multidisciplinar, remarcou o conselleiro.

Imaxes relacionadas