Política Social destaca a necesidade de dar visibilidade aos desafíos territoriais sobre inclusión social para avanzar cara unha Galicia máis inclusiva

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe de maneira virtual no foro O Ingreso Mínimo Vital e a Cobertura das necesidades das persoas en pobreza severa das Comunidades e Cidades Autónomas

Santiago de Compostela, 29 de setembro 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe telematicamente na mesa redonda Modelos territoriais de xestión do ingreso mínimo vital e rendas autonómicas, incluída no programa do foro O Ingreso Mínimo Vital e a cobertura das necesidades das persoas en pobreza severa das comunidades e cidades autónomas organizado pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e á Exclusión Social (EAPN) España. Durante a súa intervención, Arturo Parrado, salientou a importancia de dar visibilidade aos retos sobre inclusión social para que no só avancemos cara unha Galicia máis inclusiva, se non tamén cara unha España máis integradora.

O obxectivo da reunión é por enriba da mesa os desafíos a nivel territorial con respecto á implantación do IMV, así como a súa posible compatibilidade coa Risga, e ademais, intercambiar experiencias e proxectos das distintas administracións para conseguir avanzar cara un futuro que garanta unha calidade de vida ás persoas máis vulnerables.

Na súa intervención, Parrado recalcou a necesidade de que o Goberno central mellore as vías de coordinación coas comunidades autónomas no relativo á xestión do IMV, e lembrou que a Xunta de Galicia xa ten solicitado formalmente en distintas ocasións asumir a xestión desta prestación, do mesmo xeito que está facendo coas pensións non contributivas. Esta proposta busca acadar unha maior eficiencia na xestión dos recursos públicos, evitando solapamentos e eliminando burocracia.

Así mesmo, destacou que a Xunta de Galicia está a avanzar nos traballos de reforma da Lei de Inclusión Social de Galicia en estreita colaboración coas entidades e os profesionais que traballan no sector, co obxectivo principal de adaptar a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e as Axudas de Inclusión Social (AIS) ao novo contexto xurdido coa posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital (IMV), así como apostar pola simplificación e a axilización da tramitación destas axudas.

No marco deste proxecto estase a deseñar programas e complementos que poidan apoiar ás persoas perceptoras do IMV en distintos ámbitos do seu proceso de inclusión social activa, malia que si ben manifestou que esta labor vese dificultada pola as dificultades que supón a actual indefinición do marco normativo definitivo do IMV, que impide adoptar medidas con garantías suficientes de que non suporán un prexuízo para os actuais perceptores de RISGA.

Neste encontro virtual participaron a directora xeral de Familia, Infancia e Atención á Diversidade da Junta de Castilla y León, Esperanza Vázquez Boyero, o director xeral de Servizos Sociais da Junta de Andalucía, Francisco José Vidal Marco, e a directora xeral de Xestión de Dereitos Sociais do Principado de Asturias, Paula María Álvarez Herrera.