A conselleira de Política Social participou esta mañá na reunión inaugural da Conferencia Sectorial da familia e a infancia

A Xunta sinala que Galicia é unha comunidade líder na participación da infancia e na protección dos seus dereitos

A Lei de impulso demográfico blinda dereitos fundamentais para a infancia como a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos ou a creación de recursos de conciliación en zonas menos poboadas

O Goberno galego creou o Observatorio Galego da Familia e a Infancia, a través do cal se achega a visión de institucións e expertos neste ámbito

Estase ultimando a tramitación para a posta en marcha do Consello Galego de Participación Infantil, no que se recollan as principais reivindicacións e opinións da xuventude

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asistiu esta mañá á primeira reunión da Conferencia Sectorial da familia e a infancia impulsada polo Goberno central onde trasladou a experiencia da nosa comunidade nesta materia. O Executivo autonómico puxo en valor os traballos realizados desde a comunidade para situarse como líder na partición da infancia e na protección dos seus dereitos.

Este órgano ten como obxectivo incluír a opinión da xuventude en todos os ámbitos da sociedade. Un obxectivo que desde o Goberno galego se vén traballando durante os últimos anos como demostra a aprobación da Lei de Impulso Demográfico que blinda dereitos fundamentais para a infancia como a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos e a posta en marcha de recursos de conciliación nas zonas menos poboadas a través das casas niño.

Así mesmo, a Xunta trasladou outras medidas postas en marcha desde o Executivo autonómico como a creación do Observatorio Galego da Familia e a Infancia, a través do cal se achega a visión de institucións e expertos neste ámbito ou a posta en marcha do Consello Galego de Participación Infantil, no que se está traballando da man das entidades para a súa tramitación.

Outra das iniciativas destacadas foi o Pacto galego pola infancia que o Parlamento autonómico aprobou no ano 2011 por unanimidade e que fixo posible trasladar unha mensaxe de consenso para a participación da xuventude.

Imaxes relacionadas