O Arquivo de Galicia convida a percorrer a historia do ferrocarril en Galicia coa exposición 'Sobre dous raís'

Desde fotografías, expedientes administrativos, correspondencia ou mesmo billetes de tren, a mostra amosa unha escolma de 59 documentos conservados polo Arquivo de Galicia e procedentes de diferentes fondos e coleccións

O secretario xeral de Cultura louvou “o intenso traballo desenvolvido ao longo dunha década por esta institución, co compromiso de conservar e difundir o noso patrimonio documental, parte fundamental da nosa memoria colectiva”

A mostra forma parte do programa de actividades desenvolvido polo Arquivo de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, para dar a coñecer os fondos que custodia

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Biblioteca e Arquivo de Galicia a exposición Sobre dous raís: o ferrocarril no Arquivo de Galicia, un percorrido pola historia da vía férrea a través de 59 documentos que inclúen desde fotografías, a expedientes administrativos, correspondencia, billetes de tren ou folletos. A mostra quere ser un convite a coñecer a historia da chegada e o desenvolvemento das liñas ferroviarias en Galicia, e tamén un convite a reflexionar sobre a súa importancia como motor da economía, precisamente nun momento de expectación pola próxima chegada do AVE.

Na súa intervención, o secretario xeral de Cultura louvou o labor que o Arquivo de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, ten desenvolvido ao longo dunha década, “cunha destacada actividade en diferentes ámbitos, e sempre co compromiso da conservación e difusión do patrimonio documental de Galicia, parte fundamental da nosa memoria colectiva”.

Anxo M. Lorenzo quixo lembrar que desde que en 2013 o Arquivo de Galicia organizara a súa primeira exposición, sucedéronse numerosas mostras destinadas a dar a coñecer ao público os fondos custodiados nos seus depósitos, afondando en diferentes temas da nosa historia e patrimonio. “Sobre dous raís é un magnífico exemplo deste traballo, destinado a preservar e poñer en valor documentación que permite rastrexar e comprender fitos da nosa historia como a chegada do ferrocarril, que tamén en Galicia marcaría o devir social e económico da sociedade dos últimos séculos”, sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Da primeira liña férrea á alta velocidade

O desenvolvemento das liñas férreas a partir de comezos século XIX revolucionou o mundo das comunicacións, en estreita relación coa revolución industrial. Mais en Galicia –ao igual que no resto de España– a incorporación desta infraestrutura enfrontouse a diversas dificultades, especialmente de carácter financeiro, o que tivo como resultado que non se inaugurase a súa primeira liña ata 1873. Este atraso na introdución da infraestrutura influíu tamén na falta de articulación do territorio e, como consecuencia, no decorrer do desenvolvemento económico do país.

A chegada do tren de alta velocidade a Galicia resulta unha boa ocasión para botar a vista atrás e reflexionar sobre a historia das nosas comunicacións, tomando como punto de partida os testemuños conservados no Arquivo de Galicia.

Deseño e contido expositivo

A mostra artéllase en seis seccións –O comezo da viaxe; Trens con destino a, Vías, viadutos e estacións, O trazado invisible, O impacto económico e Pasaxeiros ao tren!– e a documentación exposta pertence tanto ao fondo documental da Xunta de Galicia como a outros fondos ou coleccións de orixe privada, na actualidade depositados no Arquivo de Galicia. Neste sentido cómpre destacar o fondo da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela –depositado por esta institución–, a doazón realizada pola Familia Vilariño Pintos ou os fondos da Casa de comercio e Banca Bengoechea. Pode mencionarse tamén a colección fotográfica Chamoso Lamas, pertencente á Real Academia Galega de Belas Artes Nuestra Señora del Rosario da que o Arquivo custodia unha copia.

A mostra pode visitarse de balde no vestíbulo da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o vindeiro mes de decembro. Está aberta de luns a domingo en horario de 9,00 a 21,00 horas.

Imaxes relacionadas