A Rede Galega de teatros e auditorios da Xunta achégalles 13 funcións ás novas temporadas escénicas de Tui e Gondomar

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe nas presentacións das ofertas culturais de outono en ambos os concellos pontevedreses

Ademais do inicio da xira do CDG con O charco de Ulises, o Teatro Municipal de Tui acolle oito representacións como parte do circuíto autonómico, no marco do que o Auditorio Lois Tobío de Gondomar ofrece cinco espectáculos

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as entidades locais asociadas cofinancian esta programación, que este semestre abrangue 209 actuacións dun cento de formacións artísticas en 26 localidades

Tui (Pontevedra), 29 de setembro de 2021

Os concellos pontevedreses de Tui e Gondomar presentaron hoxe as súas respectivas ofertas culturais para este outono, dentro das que programarán 13 funcións de teatro, danza e música cofinanciadas pola Xunta de Galicia a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Tanto o Teatro Municipal de Tui como o Auditorio Lois Tobío de Gondomar son espazos asociados a este circuíto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que durante o segundo semestre do ano ofrecerá 209 actuacións dun cento de formacións artísticas en 26 localidades.

O escenario tudense será, así mesmo, a primeira parada da xira que o Centro Dramático Galego (CDG) emprenderá o 5 de novembro co seu espectáculo O charco de Ulises, dirixido por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. A compañía pública estreou esta produción o pasado mes de xaneiro na súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, onde desenvolveu un primeiro período de exhibición, e regresa aos escenarios na recta final do ano para o seu percorrido por diferentes localidades galegas.

Ambas as presentacións contaron coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen incidiu na variedade e calidade da programación que se desenvolve no marco Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como no seu importante papel á hora de dotar de continuidade e estabilidade no ámbito da distribución dos espectáculos producidos en Galicia.

Programación do Teatro Municipal tudense

No caso de Tui, o Teatro Municipal acolle nesta recta final do ano oito propostas dentro do circuíto autonómico. A súa oferta arranca con danza este mesmo venres día 1 de outubro, coa representación de Bailar agora, proposta coproducida por Marta Alonso Tejada e o Centro Coreográfico Galego, que foi ademais unha das montaxes gañadoras da última edición dos Premios de Teatro María Casares.

Tamén en outubro, o espazo tudense programa os espectáculos Aibo de Compañía Eléctrica o día 8, O mel no caduca de Ibuprofeno Teatro o día 15 e O soño dos golfiños do grupo Golfiños o día 22. En novembro será a quenda de Paula Quintas coa súa peza de danza Nina Ninette o día 12, do concerto das Tanxugueiras o día 19 e de Teatro La Canica con Orfeo o día 26. Xa en decembro, o día 3 Camerata Lírica ofrecerá La Bohème en formato concerto escenificado.

Cinco funcións no Auditorio Lois Tobío

Tanto esta proposta lírica como Bailar agora poderán verse tamén no Auditorio Lois Tobío os días 13 e 20 de novembro, respectivamente. Son dúas das cinco citas que o escenario de Gondomar programa a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios xunto con A lingua das bolboretas (9 de outubro), montaxe coa que Sarabela Teatro foi outra das compañías máis galardoadas este ano nos María Casares, Soga e cinsa de Aporía Escénica (6 de novembro) e Cartoóns de Producións Teatrais Excéntricas (21 de novembro).

Con este segundo período de programación anual e pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, a Rede Galega de Teatros e Auditorios alcanzará en 2021 as 500 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia nas catro provincias. Para o seu desenvolvemento, conta cun orzamento anual de máis de 1,6 millóns de euros, que achegan a Xunta e as preto de 40 entidades locais asociadas e que reverte directamente na contratación das compañías escénicas e bandas musicais participantes, galegas na súa meirande parte.