O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou hoxe o avance dos traballos acompañado do alcalde, Jorge Cubela

A Xunta desenvolve obras de mellora na cuberta e na fachada do centro de día do complexo de maiores de Cerdedo

Invístense 40.000 euros nesta actuación para manter o inmoble en bo estado, aumentar o seu illamento, evitar humidades e harmonizar a súa imaxe exterior co novo edificio anexo que se destinará a zona residencial

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 29 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de iniciar as obras de mellora da cuberta e da fachada da edificación destinada a centro de día do complexo de maiores de Cerdedo, nas que inviste 40.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do municipio pontevedrés, Jorge Cubela, comprobou hoxe o avance desta intervención, que rematará en outubro.
Perfecto Rodríguez explicou que estes traballos “enmárcanse nas actuacións de mantemento que de forma periódica se realizan nos centros que dependen do Consorcio para que tanto o persoal como os usuarios e os seus familiares teñan unhas instalacións en bo estado, cos servizos e as comodidades que precisan”
As obras, que comezaron fai dúas semanas, céntranse no pintado da fachada exterior e na envolvente do edificio, co fin de mellorar o seu illamento, evitar filtracións de auga e harmonizar a súa imaxe exterior co novo edificio anexo que se destinará a zona residencial.
En concreto, os traballos consisten na retirada dos elementos da cuberta que están deteriorados; na limpeza, protección e pintado da superficie da fachada; e na reparación de pinturas interiores afectadas pola humidade. Así mesmo, instalarase un sistema de rego con programador para facilitar o mantemento da zona axardinada do centro.

Equipamento do novo edificio de usos residenciais

Estas melloras no centro de día coinciden co subministro e instalación do equipamento da nova residencia, que se prevé que tamén estea listo en outubro. A Xunta destinou máis de 2,2 millóns de euros a este complexo residencial, construído nun anexo do inmoble orixinal, que agora se dedicará en exclusiva a centro de día.
Coa próxima entrada en funcionamento do novo edificio de usos residenciais, as prazas ofertadas increméntanse de 18 a 48, distribuídas en 24 habitacións dobres. Ademais, o centro de día mantén as 30 prazas actuais, pero con máis espazo e sendo máis confortable para os seus usuarios.

Imaxes relacionadas