O conselleiro de Sanidade destaca como "puntais" na xestión da pandemia aos servizos xurídicos do Sergas e da Xunta de Galicia

Na inauguración do XXIX congreso Dereito e Saúde, da Asociación de Xuristas da Saúde, García Comesaña lembrou as innovacións xurídicas postas en marcha por Galicia durante a pandemia, como a reforma da Lei de Saúde, a regulación do uso do certificado covid ou o cambio de data nunhas eleccións xa convocadas

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou esta mañá na xornada inaugural do XXIX congreso Dereito e Saúde, da Asociación Xuristas da Saúde, que nesta ocasión se celebra na cidade da Coruña, e á que tamén estiveron o rector da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e o presidente do TSXG José María Gómez y Díaz-Castroverde, entre outras personalidades.
Durante a súa intervención, García Comesaña recoñeceu o traballo dos servizos xurídicos do Sergas e da Xunta na xestión da pandemia da covid-19 en Galicia, aos que definiu como "puntais" na xestión da crise sanitaria, actualizándose e traballando día tras día para aportar "as mellores solucións" ante unha situación que, dixo, "non daba tregua".
Referiuse así o conselleiro á declaración do Estado de Alarma, nunhas Comunidades Autónomas sobre as que recaeu o peso da determinación e da construción xurídica das medidas de saúde pública necesarias para conter a pandemia. Segundo afirmou García Comesaña, "tocou innovar", e en Galicia "tratouse de facer dende o máximo rigor e a máxima lealtade á Constitución e ás institucións do Estado autonómico".
Deste xeito o conselleiro lembrou as alteracións que tiveron que realizarse nos prazos dos procedementos administrativos, no uso masivo dos mecanismos de emerxencia na contratación pública e de xestión de recursos humanos, e mesmo nun tema importante de ética asistencial: cando se temía por unha insuficiencia de medios para atender ás necesidades de todos os pacientes. Unha situación que, afortunadamente en Galicia non chegou a producirse, -remarcou García Comesaña-.
Así mesmo, o titular da Sanidade galega referiuse á primeira vez que houbo que deixar sen celebración unhas eleccións xa convocadas, por non poder garantir os dereitos electorais, á reforma da Lei de Saúde, ou a iniciativa que tomou Galicia de regular o uso do certificado covid para determinadas actividades e en codicións concretas, cunha sentenza do Tribunal Supremo avalando tal decisión.
O conselleiro de Sanidade non quixo rematar a súa participación, sen reiterar o seu recoñecemento ao traballo dos xuristas na covid e afirmando que "se a pandemia deixou cambios que chegan para quedarse en todos os ámbitos, no mundo xurídico isto é especialmente certo".

Imaxes relacionadas