O presidente da Xunta respondeu esta mañá ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara

Feijóo incide nos sectores da sanidade, automoción, agroalimentario, forestal e enerxético como prioritarios da candidatura galega aos fondos europeos

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, incidiu hoxe nos cinco sectores prioritarios na candidatura galega aos Next Generation -sanidade, automoción, agroalimentario, forestal e enerxético- e pediu, novamente, ao Goberno central que as comunidades non sexan “meras oficinas xestoras” das decisións sobre os fondos europeos que sinale o Goberno central. “Nós o que pedimos é claridade de criterios para adxudicar eses fondos e unha garantía de cohesión territorial de España”, abundou.

En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Feijóo recordou que, desde o primeiro momento, Galicia puxo en marcha unha comisión de expertos -formada por economistas, profesores, empresas e Xunta- para concretar as prioridades, ademais de constituírse unha comisión parlamentaria que estivo dez meses traballando con este mesmo obxectivo.

“Unha comisión na que compareceron 49 axentes económicos e sociais, na que se elaboraron 150 informes, se incorporaron 52 emendas e se propuxeron 506 epígrafes”, dixo, lamentando que o PSdeG “se abstivese en todo”.

A pesar desta postura, o responsable do Goberno galego aproveitou a súa intervención para invitar ao Partido socialista a “se ten algunha prioridade” presentala e poder estudala.

Imaxes relacionadas