A Xunta abre unha nova convocatoria de axudas para as axencias de viaxes tras conceder 183.000€ a 34 establecementos da provincia na primeira quenda

O delegado territorial, Luis López, informou hoxe desta orde, orientada a gastos de alugueiro ou de préstamos hipotecarios dos locais e que ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 11 de outubro, nunha visita a Viajes Arany, de Pontevedra

Estas novas achegas da Axencia Turismo de Galicia, que se determinarán en réxime de concorrencia non competitiva, financian ata o 90% do gasto cun límite de 10.000€ e situaranse no 80% por riba desta contía

“Ante a situación dos sectores máis afectados polas necesarias medidas restritivas fronte á pandemia, todos eles vencellados ao sector turístico, estamos a actuar nunha dobre liña para favorecer o mantemento da actividade e impulsar a súa plena recuperación de cara o ano 2022, que ademais tamén será Xacobeo”, explicou

Pontevedra, 29 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de abrir unha nova convocatoria de axudas para as axencias de viaxes, destinada principalmente aos gastos de mantemento da súa actividade consistentes en alugueiros ou préstamos hipotecarios, tras conceder recentemente achegas por 183.000€ a 34 establecementos da provincia na primeira convocatoria.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá desta orde nunha visita a Viajes Arany, emprazado na rúa Cruz Gallastegui de Pontevedra e que xa foi beneficiario das axudas autonómicas na primeira quenda.

Esta nova convocatoria deteminarase en réxime de concorrencia non competitiva e ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 11 de outubro. Conta cunha partida global de 350.000 euros e financiará ata o 90% dos gastos de alugueiro ou de préstamos hipotecarios sobre o local no que se exerza a actividade ata un límite máximo de 10.000 euros e no período comprendido entre o pasado 1 de xullo e o próximo 31 de outubro. Por riba desta contía a achega da Xunta situarase nun máximo do 80%.

“Ante a situación dos sectores máis afectados polas necesarias medidas restritivas para poñer freo á pandemia, todos eles vencellados principalmente aos sectores turístico e hostaleiro, que en moitos momentos tiveron que deter por completo a súa actividade, dende a Xunta de Galicia estamos a actuar nunha dobre liña para, por unha banda, favorecer e permitir o mantemento dos negocios e, por outra, para impulsar a súa plena reactivación, sentando as bases dunha sólida recuperación e de futuro, de cara ao ano 2022, que ademais cremos que vai estar cheo de oportunidades, xa que tamén será Ano Xacobeo”, manifestou o representante autonómico.

“A Xunta destinou 120 millóns de euros en axudas a través de dous plans de rescate e doutros incentivos para o sector, como o Bono Turístico, e artellamos un plan de choque con 37,5 millóns, no que se enmarca outro paquete de axudas con catro liñas por case 16 millóns que van orientadas ao sector hostaleiro, ás axencias de viaxes e á mellora das infraestruturas turísticas nos concellos de ata 10.000 habitantes” ”, explicou Luis López, que concretou que con estas accións preténdese “reaccionar fronte á crise garantindo a actividade, renovar o sector na busca dun incremento da calidade e impulsar a súa modernización para o Xacobeo 2022 e os anos seguintes”.


Axudas ás axencias de viaxes da provincia de Pontevedra na primeira convocatoria

Concello
Beneficiarios
Achegas
Concello
Beneficiarios
Achegas
Pontevedra
10
30.033€
Sanxenxo
5
99.180€
Vilagarcía
4
16.020€
Cambados
4
7.256€
Marín
3
5.634€
A Guarda
2
2.304€
Ponteareas
1
10.220€
A Estrada
1
7.020€
Caldas
1
2.278€
Bueu
1
2.139€
Meaño
1
1.080€
O Grove
1
540€

 

Imaxes relacionadas