O conselleiro do Medio Rural presidiu a xuntanza con axentes implicados para a posta en marcha da elaboración da Estratexia de dinamización do sector da carne de Galicia

A Xunta traballa da man de gandeiros, industrias, cadeas de distribución ou organizacións agrarias para deseñar e impulsar o futuro do sector cárnico galego

José González explicou que a Estratexia persegue promover unha produción sustentable nas explotacións con orientación cárnica, así como fomentar o consumo dos distintos tipos de carne e incentivar a formación e a investigación neste eido

Estará deseñada en colaboración coa Fundación Juana de Vega, como xa aconteceu coas xa implementadas Estratexias do lácteo e do viño

Na xuntanza estiveron presentes os sectores bovino, porcino, avícola, ovino ou caprino e os consellos reguladores dos selos de calidade implicados, ademais dos matadoiros, as transformadoras cárnicas ou as principais distribuidoras que operan en Galicia

Cómpre salientar que a produción cárnica ten un Importante impacto económico no rural galego, representando preto do 33 % do Valor da Produción Final Agraria

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

A Xunta vén de iniciar o proceso participativo para elaborar a Estratexia de dinamización do sector da carne de Galicia de xeito consensuado con todos os axentes implicados. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presidiu hoxe a xuntanza con gandeiros e representantes das industrias, das cadeas de distribución ou das asociacións e organizacións profesionais agrarias para a posta en marcha de dita Estratexia, que se confeccionará coa colaboración da Fundación Juana de Vega, como xa aconteceu coa do lácteo e a do viño. Así, no acto tamén estivo o director desta entidade, José Manuel Andrade.
O conselleiro puxo en valor a calidade que define o sector cárnico da nosa comunidade e apuntou á necesidade de consolidalo garantindo a remuda xeracional á fronte das explotacións rendibles, así como mellorando o nivel de transformación da industria cárnica e a xeración de valor engadido en todos os elos da cadea. Nun contexto de potenciación de selos de calidade como a IXP Ternera Gallega, José González considerou clave -ademais- avanzar cara a unha produción sustentable, que aposte polo benestar animal e por sistemas respectuosos como a produción en extensivo.
Poñendo en valor o esforzo e a entrega dos gandeiros cárnicos, o titular de Medio Rural avogou por establecer accións orientadas a recoñecer o seu traballo e a promocionar as propiedades da carne, así como a incentivar o consumo das producións derivadas dos sectores bovino, porcino, avícola, ovino, caprino, cunícola e equino de Galicia. Ao tempo, aludiu á necesidade de fomentar a investigación, a innovación e a formación para afondar na profesionalización de todos os axentes implicados.
Segundo o conselleiro, o proceso de diálogo que hoxe comeza busca promover o debate, a reflexión e a participación de ditos axentes en todas as fases de elaboración da Estratexia, analizando as circunstancias do sector da carne e perfilando os eixes estratéxicos e accións que deben implementarse de cara ao futuro. Nese senso, cómpre contemplar medidas nos eidos da produción, a industria, as marcas de calidade, o consumo e os mercados, as relación ao longo da cadea de valor, a formación e innovación e, por último, ao respecto de políticas europeas como a PAC.
Cabe destacar que nesta primeira xuntanza, ademais das asociacións de produtores, das industrias, das principais cadeas de distribución e das organizacións profesionais agrarias, estiveron tamén representados os matadoiros e os consellos reguladores das IXP Carne de Vacún de Galicia e Lacón Gallego, así como o de agricultura ecolóxica. Así mesmo, acudiron as universidades de Vigo e Santiago ou entidades relacionadas como o Centro Tecnolóxico da Carne ou Xenética Fontao.

Sector estratéxico

A produción cárnica ten un Importante impacto económico no rural galego, representando preto do 33 % do Valor da Produción Final Agraria. Destacan cifras como as do vacún de carne, que sitúan a nosa comunidade como a terceira rexión produtora do Estado, con máis dun 14 % da produción total nacional. Canto á comercialización, a IXP Ternera Galega posúe unha cota do 55 % dentro das indicacións xeográficas protexidas de carne a nivel estatal. Os sectores avícola e cunícola galegos tamén se sitúan entre os principais produtores de España, mentres o resto de orientacións cárnicas ofrecen aínda potencial de crecemento.
Para apoiar o labor fundamental deste sector, a Xunta creou ao comezo do estado da alarma pola pandemia da covid-19 a rede Mercaproximidade, unha canle alternativa de comercialización concibida para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos afectados polas restricións nos mercados e na hostalaría. Así mesmo, concedeu axudas directas por un valor próximo aos sete millóns de euros a 4.621 produtores do gando vacún de carne para sufragar parte das perdas ocasionadas.
Cómpre salientar que España é o segundo país produtor de carne en Europa despois de Alemaña, cunha produción de 7,2 millóns de toneladas segundo datos de 2019. O número de explotacións achégase ás 400.000 cun valor de produción superior aos 20.000 millóns de euros. Canto á industria, contabilízanse máis de 3.500 empresas con máis de 110.000 traballadores e cunha cifra de negocio próxima aos 32.000 millóns de euros.

Imaxes relacionadas