A Xunta organiza este sábado en Lugo un festival con oito orquestras galegas no marco do Xacobeo 21-22

As entradas poden reservarse online de xeito gratuíto e as actuacións serán ao aire libre nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a cita enmárcase nun circuíto promovido no marco do Xacobeo 2021-22 para reforzar o apoio ao sector

Lugo, 29 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia organiza para o vindeiro sábado nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo un festival no que actuarán as orquestras Costa Dorada, Arizona, Suavecito, Salsarena, Alma Latina, Lume, Tapyoka e Limón.

O delegado territorial, Javier Arias, presentou hoxe o programa, impulsado polo Goberno galego no marco do Xacobeo 2021-22 para reforzar o apoio ao sector, un dos máis afectados polas restricións derivadas da pandemia da covid-19.

O espectáculo comezará ás 17.00 horas e terá unha capacidade máxima para 1000 persoas, que estarán de pé e con división en sectores para garantir a distancia e o resto de medidas de seguridade. Cada unha das orquestras participantes ofrecerá cadanseu concerto duns 45 minutos de duración e todas as actuacións serán no mesmo emprazamento, ao aire libre.

A entrada será gratuíta, previa reserva na web www.woutick.es. No caso de non esgotarse por esta canle, as localidades dispoñibles poderán ser retiradas no propio acceso ao recinto. Arias destacou o éxito dos festivais que xa acolleron no marco desta mesma iniciativa outras localidades galegas, nas que se esgotaron os tíckets en pouco tempo.

O delegado apuntou que este circuíto promovido pola Xunta, que inclúe sete festivais na Comunidade coa participación de 50 orquestras galegas, supón un importante reforzo da axuda económica que as empresas deste ámbito veñen recibindo por parte de diferentes departamentos do Goberno galego para lles facer fronte aos efectos da crise sanitaria.

Así, ademais dun convenio inicial e da súa posterior ampliación ata un valor total de 1,24 M€ para organizar estes festivais e para fomentar a contratación de orquestras por parte doutras entidades mediante a subvención do 40% do custo dos cachés, tamén se beneficiaron doutras medidas como as achegas directas a estas formacións musicais; as axudas para traballadores estacionais de orquestras e espectáculos prexudicados polos peches da covid-19 ou o Plan de Rescate para autónomos e pemes.

Imaxes relacionadas