A Xunta pon en valor os seus logros na negociación da futura PAC e advirte que seguirá firme na defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos

Salientou fitos como o compromiso do Ministerio de regularizar a superficie galega con dereitos de axuda ou o aumento nas axudas asociadas ao vacún de leite

Lamentou que esta PAC non estea deseñada para o modelo de agricultura e gandaría atlántico, senón que teña unha orientación “mediterránea”

Demandou maior transparencia durante todo o proceso negociador ao Goberno central e denunciou a falta de información coa que se traballa

Sobre os ecoesquemas, sinalou que cómpre que atendan -como toda a configuración da PAC en xeral- á realidade e problemática dos sistemas agrarios predominantes na Cornixa cantábrica e nomeadamente dos vinculados ás explotacións de vacún de leite

Anunciou a posta en marcha dun proceso de participación pública na elaboración do Plan estratéxico da PAC, accesible desde a web de Medio Rural

Propuxo convocar unha xuntanza con todos os grupos da Cámara para reforzar a posición da Xunta nas negociacións
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, compareceu hoxe no Parlamento, a petición propia, para explicar as últimas novidades de interese para Galicia en canto ás negociacións para a aplicación da futura Política Agrícola Común (PAC) de cara ao período 2023-2027. Así, o conselleiro debullou os logros acadados pola nosa comunidade nas conversas co Goberno central e co resto de comunidades autónomas e avanzou tamén os detalles do que queda por debater nesta fase final da negociación, que se centra nos ecoesquemas. Ao tempo, defendeu a actitude de lealdade institucional que sempre mantivo Galicia, pero advertiu que o Goberno galego seguirá firme na defensa dos intereses dos nosos agricultores e gandeiros.
Nesta liña, José González salientou, como positivo, o “gran traballo” desenvolvido polas distintas comunidades da Cornixa cantábrica e o feito de que catro territorios de diferente cor política amosen ese exemplo de cooperación, loitando polos intereses dos seus agricultores e gandeiros, por riba de intereses partidarios. Porén, o conselleiro lamentou que esta PAC non estea deseñada para o modelo de agricultura e gandaría atlántico, senón que teña unha orientación “mediterránea”. Neste sentido, advertiu tamén que o modelo de PAC que finalmente ten deseñado o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), co apoio principal das comunidades do sueste peninsular, non se parece en nada ao que se falou nun primeiro momento, que si beneficiaba claramente a agricultura e a gandaría da Cornixa cantábrica.
Así, o conselleiro afondou en que cuestións tan transcendentes como a definición de agricultor activo, o pago redistributivo ou a configuración das diferentes rexións PAC responden agora a unha proposta de mantemento do statu quo, en lugar de servir para impulsar un novo modelo que defenda as pequenas ou medianas explotacións de carácter familiar e base territorial, explotacións como as galegas, remarcou.
Ademais, José González insistiu en demandar durante todo o proceso negociador maior transparencia ao Ministerio e denunciou a falta de información coa que se traballa. Volveu reclamar tamén consenso parlamentario para defender os intereses de Galicia nesta cuestión, pero lamentou a resposta recibida no seu día -a finais de maio pasado- por parte da oposición, que acusou á Xunta de chegar tarde e advertiu que xa estaba todo pechado. Pola contra, afirmou o conselleiro, as negociacións proseguiron e desde maio “temos conseguido atar cuestións moi importantes para os nosos agricultores e gandeiros”.
Neste sentido, o titular de Medio Rural salientou fitos como o compromiso do Ministerio de Agricultura de regularizar a superficie galega con dereitos de axuda ou o aumento considerable nas axudas asociadas ao vacún de leite. No primeiro caso, sinalou, “falamos dunhas 164.000 hectáreas máis, que suporían un impacto económico dun mínimo de 20 millóns de euros adicionais para o primeiro piar da PAC, que se corresponde coas axudas directas. Ademais engadiu que todo isto, xunto cos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria, que xa está en marcha, permitiranos dar un “importantísimo impulso no incremento da superficie agraria útil de Galicia”. No segundo aspecto, o das axudas asociadas, o conselleiro destacou que Galicia verase beneficiada, tendo en conta o seu peso no vacún de leite, cuns 11,8 millóns de euros anuais de incremento.
En relación coa definición de “agricultor activo”, o titular de Medio Rural reiterou o apoio de Galicia á proposta do MAPA de definir esta figura a partir dunha porcentaxe mínima dos ingresos agrarios sobre os totais, pero insistiu en rexeitar que se inclúan neste concepto aquelas persoas que perciben menos dun certo volume de axudas directas, fixado nos 5.000 euros, porque isto, dixo, suporía “desnaturalizar por completo a propia definición”. Sobre o pago redistributivo, o conselleiro reafirmouse nas demandas da Cornixa cantábrica, no sentido de priorizar os agricultores profesionais de pequena e mediana dimensión en relación á media española e denunciou que o Ministerio “non aposta, en ningún caso, pola reasignación de axudas cara estes profesionais e cara a agricultura familiar”.

Ecoesquemas

Con respecto aos ecoesquemas, cos que se pretenden fomentar prácticas ambientalmente sostibles, José González sinalou que cómpre que atendan -como toda a configuración da PAC en xeral- á realidade e problemática dos sistemas agrarios predominantes na Cornixa e nomeadamente dos vinculados ás explotacións de vacún de leite. Referiuse en concreto a varias destas liñas de axudas. Así, en relación co ecoesquema sobre pastoreo extensivo, reiterou a demanda de Galicia de que se aumente tanto a carga gandeira mínima como a máxima e, ademais, que se compute toda a superficie forraxeira da explotación. No ecoesquema que trata sobre rotacións en terras de cultivo, fixo fincapé na necesidade de ter en conta o pequeno tamaño das explotacións galegas e no que atinxe ás áreas non produtivas en terras de cultivo, lembrou que Galicia demandaba que se computen as illas, sebes e outras estruturas lindeiras que serven de refuxio e alimentación de insectos e aves, así como as pequenas infraestruturas agrarias tradicionais. En relación con todas estas demandas de Galicia e da Cornixa cantábrica, o conselleiro celebrou que na última reunión técnica mantida ao efecto, o Ministerio acolleu esas peticións, a falta unicamente do envío das fichas modificadas.

Con respecto ao segundo piar da PAC, referido ao desenvolvemento rural, José González reiterou a reclamación dun incremento nas asignacións do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) de polo menos un 5% para as comunidades cantábricas. Ademais, no que atinxe ao cofinanciamento, insistiu en reclamar que se recupere o equilibrio entre as achegas da Administración central e das comunidades autónomas porque -advertiu- “é intolerable que as autonomías teñamos que soportar unha carga financeira superior á do Estado”. De cara ao futuro, o conselleiro resaltou que no próximo período (2023-2027) a Xunta apoiará decididamente medidas como o fomento das iniciativas de recuperación da terra agraria, as axudas á incorporación de persoas mozas, a promoción do asesoramento público, o apoio á produción ecolóxica e liñas de axuda para a recuperación dos soutos tradicionais, para investimentos ambientais en explotacións e para aquelas actuacións que garantan o máximo respecto ao benestar animal, entre outras actuacións.

Participación pública

Na súa intervención, José González anunciou tamén a posta en marcha por parte da Xunta dun proceso de participación pública na elaboración do Plan estratéxico da PAC 2023-2027. Así, a Consellería do Medio Rural acaba de habilitar na súa web un espazo destinado a fomentar esa participación no proceso de elaboración deste Plan, e máis concretamente no seu segundo piar (relativo ás intervencións con fondos Feader) no seguinte enlace: https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/proceso-participacion-publica-plan-estratexico-pac-2023-2027. Trátase de dar a posibilidade de que calquera persoa interesada poida achegar as súas suxestións, co fin de que poidan ser analizadas e, no seu caso, tidas en conta na redacción do documento. As propostas poden remitirse ao enderezo de correo electrónico bzn-pe-pac-galicia.cmr@xunta.gal.
Por último, o conselleiro pechou a súa comparecencia cunha nova chamada ao consenso político nesta cuestión e propuxo convocar unha reunión para reforzar a posición do Goberno galego no Parlamento.
 

Imaxes relacionadas