A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, abordou nun encontro informativo o contido do anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga

A Xunta subliña a necesidade de mellorar o saneamento e a depuración das augas para atallar os case 270 vertidos contaminantes que aínda soportan as rías galegas

Vázquez Mourelle detalla que case a metade das depuradoras xestionadas polos concellos teñen deficiencias no funcionamento, o que supón vertidos ao medio

Sinala que a lei será útil para seguir mitigando eses focos contaminantes que, grazas ao traballo da Xunta, xa se reduciron en 2020 ao 16% fronte ao 40% de 2010

Indica que xestionar ben a auga é custoso e tecnicamente complicado, polo que a lei pretende ofrecer unha xestión profesional dos servizos que se prestan aos veciños

Remarca que a norma non implica novas taxas aos usuarios, senón que reordena as que existen e substitúe as dos concellos nos casos nos que cedan a xestión a Augas de Galicia

Explica que a simulación de cobro que fai a Fegamp é errada porque suma as taxas de sumidoiro dos concellos e o canon de redes de saneamento que aplicará a Xunta nos municipios nos que xestione os colectores, que son excluíntes entre si

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021

A Xunta subliña a necesidade de mellorar o saneamento e a depuración das augas para atallar os case 270 vertidos contaminantes que aínda soportan as rías galegas.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, abordou hoxe nun encontro informativo o contido do anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.
Vázquez Mourelle explicou que case a metade das depuradoras xestionadas polos concellos teñen deficiencias no seu funcionamento, o que supón vertidos ao medio, prexudicando a calidade das augas, a saúde pública o medio ambiente e a actividade económica.
Destacou o traballo inxente que vén realizando Augas de Galicia, pois os puntos clasificados como contaminantes diminuíron en 2020, representando só un 16% dos identificados, fronte ao 40% de 2010.
Non obstante, indicou que cómpre emendar eses focos contaminantes aínda existentes, para o que a futura lei será unha ferramenta útil e eficaz.

Estender o apoio aos concellos

Ethel Vázquez lembrou que a nova lei se atopa en trámite de audiencia pública, tras ampliar o venres, por segunda vez e a petición da FEGAMP, o prazo en 15 días máis.
Fixo fincapé en que a lei xorde para atender a necesidade de apoio dos concellos para exercer con eficacia as súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade remarcou que xestionar ben a auga é custoso e tecnicamente complicado, polo que a nova lei pretende ser un novo modelo de xestión que garantirá calidade e profesionalidade na prestación dos servizos aos veciños.
O Goberno galego leva mobilizados máis de 1.100 M€ en obras de saneamento e abastecemento e ademais xestiona 28 depuradoras municipais en concellos que se ven liberados dese traballo técnico e do custo económico.
Ethel Vázquez puxo en valor que coa futura lei se lle dará a oportunidade aos concellos para que encomenden, de modo voluntario, a xestión dos seus servizos da auga. Engadiu que tamén se ofrecerá esta opción nos colectores, algo que ata agora non era posible.

Sen novas taxas

Precisou que a lei non leva aparelladas novas taxas aos usuarios, simplemente reordena as que existen e substitúen as dos concellos nos casos de que estes cedan a xestión voluntariamente das súas infraestruturas hidráulicas a Augas de Galicia.
Salientou que os concellos teñen a opción de solicitar a xestión da Xunta, pero tamén poden continuar coa xestión das súas instalacións.
Indicou que nos municipios nos que Augas de Galicia xa xestiona a depuradora recada por este servizo unha taxa denominada “coefiente de vertedura”, que pasará a denominarse, “canon de xestión de depuradoras”, concepto máis acorde co servizo que se presta.
Nos concellos nos que a Xunta asuma a xestión de colectores, recadará o canon correspondente á prestación deste servizo, polo que xa non poderá cobrar o concello.
Polo tanto, as taxas de sumidoiro que aplican os concellos e o canon de redes de saneamento que aplicará a Xunta naqueles municipios nos que empece a xestionar os colectores, son excluíntes entre si.
De aí, o erro da FEGAMP na súa simulación de cobro, xa que suma estas taxas que son excluíntes entre si e aplica de xeito equivocado as tarifas por tramos de consumo.

Imaxes relacionadas