A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar clausurou a VIII Conferencia internacional ARVI sobre o futuro da pesca

Galicia demanda igualdade de condicións no sector marítimo-pesqueiro para velar pola competitividade das súas empresas

A Xunta lembra a necesidade de que Europa promova un trato igualitario e xusto nas actividades vencelladas co mar para que a comunidade poida manter o liderado como primeira potencia pesqueira europea

O Executivo galego aposta por abordar este asunto na vindeira revisión da Política Pesqueira Común co obxectivo de acadar unha situación máis segura, equitativa e responsable e reforzar a súa cohesión socioeconómica

Vigo, 28 de setembro de 2021

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, explicou hoxe que o sector marítimo-pesqueiro galego precisa un marco normativo internacional homoxéneo e igualitario para garantir que a actividade se desenvolve en igualdade de condicións en todos e países e preservar a competitividade das súas empresas. A representante do Executivo galego lembrou que hai diferenzas na ordenación pesqueira e comercial dos distintos países e que iso afecta á actividade do complexo mar-industria de Galicia.

Silvia Cortiñas incidiu durante a clausura da VIII Conferencia internacional ARVI sobre o futuro da pesca -titulada A pesca europea ante o level playing field- na necesidade de que Europa aposte pola igualdade de condicións no sector marítimo-pesqueiro para que a comunidade galega poida seguir sendo a primeira potencia pesqueira europea.

De feito, a secretaria xeral técnica lembrou que Galicia aposta por abordar este asunto na vindeira revisión da Política Pesqueira Común (PPC) co obxectivo de acadar unha Europa máis segura, equitativa e responsable e reforzar a súa cohesión socioeconómica. Neste sentido, salientou que a industria pesqueira está globalizada e que é fundamental traballar en igualdade de condicións para garantir o seu futuro.

Nesa proposta de cara á revisión da PPC, Galicia defende a igualdade dese level playing field cun mercado mundial xusto no que participen aqueles que acepten as regras dun xogo equilibrado. “Queremos que exista igualdade en todo, un terreo equitativo de xogo. Somos competitivos e queremos seguir séndoo”, subliñou Silvia Cortiñas.

A representante da Consellería do Mar tamén lembrou outras das demandas de Galicia de cara á reforma da PPC, como a aposta pola remuda xeracional, a cogobernanza para loitar contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e a sustentabilidade da actividade, de xeito compatible coa conservación da biodiversidade e adaptable ao cambio climático coa mente posta na neutralidade climática e a descarbonización.

Neste proceso, salientou, a Xunta e o sector xa acordaron unha proposta común no marco do Consello Galego de Pesca e agora buscarán sumar apoios no Parlamento de Galicia, no Congreso dos Deputados, no Senado e na Eurocámara para que a voz da pesca galega siga sendo escoitada en Bruxelas. Ao mesmo tempo, Galicia buscará apoios noutras rexións europeas con relevancia no eido pesqueiro.

A conferencia

A secretaria xeral técnica salientou que conferencias coma esta, organizada pola Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), son fundamentais para que o sector poida debater, informarse e analizar a situación da actividade a nivel global. Os resultados deste tipo de encontros, engadiu, contribúen a que a cadea mar-industria de Galicia manteña a súa competitividade.

Por iso, agradeceu o traballo que vén realizando ARVI desde a súa fundación e a organización destas xornadas desde hai oito anos pois permiten ver con maior claridade o futuro do sector. Ao mesmo tempo tamén eloxiou o labor da Fundación MarInnLeg, que analizou a situación do sector marítimo-pesqueiro mundial e comprobou as diferenzas existentes nas lexislacións dos distintos países e que lastran a competitividade da industria galega e europea.

A VIII Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro da pesca, titulada A pesca europea ante o level playing field, contou coa intervención de relatores de numerosos países para analizar as diferenzas operativas das frotas comunitarias respecto a outras que operan nos mesmos caladoiros e mercados. Ademais, avaliaron a efectividade das etiquetas ou certificacións para compensar eses desequilibrios e aumentar a competitividade do sector.

Neste eido, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participou na xornada cun relatorio sobre a marca de calidade pescadeRías, que garante a calidade e frescura dos produtos comercializados pola frota de baixura galega e ofrece todas as garantías sobre a súa trazabilidade.

Imaxes relacionadas