A Xunta destaca a progresiva reactivación do turismo de cruceiros coa chegada a Vigo de dous novos cruceiros internacionais

Vigo, 28 de setembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse esta mañá ata á terminal de cruceiros do Porto de Vigo onde está facendo escala o cruceiro de pasaxeiros IONA na súa travesía cara a Gibraltar. Castro aproveitou o acto de intercambio de metopas para destacar a recuperación que está experimentando este segmento turístico que xa conta en máis dun cento as chegadas de cruceiros internacionais de pasaxeiros de aquí a fin de ano nos distintos portos galegos. No acto tamén participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
A directora de Turismo de Galicia tamén aproveitou para destacar o enorme potencial de crecemento e a gran capacidade para xerar recursos económicos do turismo de cruceiros posto que se calcula que cada cruceirista gasta unha media de 85 euros por escala, non só no lugar onde atraca o barco, senón tamén na contorna do destino.

Imaxes relacionadas