A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe os usuarios desta asociación ribeirense

A Xunta incrementa nun 50% as prazas financiadas nos centros de Ámbar desde 2009 ata chegar ás 69

O Goberno galego achega 53.000 euros anuais para dúas novas prazas no centro ocupacional

A Administración autonómica destina máis de 600.000 euros cada ano para o financiamento de 56 prazas no centro ocupacional e 13 no centro de día

Ribeira (A Coruña), 28 de setembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia vén de incrementar as prazas financiadas nos centros da asociación Ámbar ata chegar ás 69, un 50% máis que hai once anos. Deste xeito, o Goberno galego achega 53.000 euros anuais para financiar dúas prazas máis no centro ocupacional da entidade emprazada na comarca do Barbanza.

Con esta suba, os fondos que a Xunta destina cada ano para o financiamento de prazas na asociación Ámbar supera os 600.000 euros. A través deste investimento a Administración autonómica sostén 56 prazas no centro ocupacional e 13 no centro de día.

Fabiola García puxo en valor a dilatada experiencia da entidade ribeirense con preto de 40 anos traballando a diario para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias. Neste sentido, sinalou como mostra do seu bo facer o premio que vén de recibir ao Desenvolvemento Rural 2021 que concede a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería de Medio Rural.

A conselleira salientou que este apoio da Administración autonómica á asociación de Ribeira é un exemplo máis da constante colaboración entre o Goberno galego e o tecido social para traballar a pé de campo e conseguir a igualdade de oportunidades e a capacitación das persoas con discapacidade.

Imaxes relacionadas