O Premio Galicia de Fotografía contemporánea abre a súa novena convocatoria cun novo apoio da Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da nova edición para a que se abre hoxe o prazo para presentar as propostas

Salienta a capacidade do galardón para crear na Comunidade galega un espazo de intercambio artístico entre talento galego e do resto do mundo
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da IX edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, para o que a Xunta de Galicia vén de renovar o seu apoio. Durante o acto resaltou a importancia deste certame para “situar a Galicia no mapa da creación artística” e recordou que, nos seus nove anos de vida, este galardón foi quen de atraer a Galicia artistas de todas as partes do mundo e “crear na nosa Comunidade un espazo de intercambio artístico entre talento galego e do resto do mundo”, engadiu.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou que é un dos premios referencia de Galicia que se enmarcan, ademais, no compromiso da Xunta por promover e divulgar o talento artístico en todas as súas facetas, a través de diferentes liñas de acción e apoio a certames como este falan “do importante labor da arte tamén en clave contemporánea”, dixo.

Estes premios están impulsados pola asociación Outono Fotográfico e contan co patrocinio da Xunta e a Deputación de Lugo. A convocatoria presentada hoxe concederá un único premio que consiste na produción dunha exposición itinerante e unha publicación dun libro. A exposición inaugurarase entre os meses de decembro de 2021 e xaneiro de 2022 en Lugo e itinerará durante dous anos polo resto de Galicia nas salas de Afundación. Ademais, publicarase un libro que formará parte da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea da colección OF e que se distribuirá nas librarías.

Linguaxe visual e contemporaneidade
Os interesados en participar deberán presentar un proxecto fotográfico en calquera data comprendida entre outubro de 2011 e outubro do 2021 e que non fora subvencionado ou becado na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte, con enteira liberdade respecto ao tema e á técnica. O prazo de presentación das obras é desde hoxe 28 de setembro ata o 31 de outubro de 2021.

O xurado seleccionará tres proxectos finalistas atendendo á linguaxe visual do autor, á calidade fotográfica e á contemporaneidade. Os nomes dos finalistas publicaranse o 8 de novembro de 2021 en outonofotografico.com.
 

Imaxes relacionadas