O Centro Dramático Galego leva a súa nova produción ‘Serva me, servabo te’ a Lugo

O Auditorio Municipal Gustavo Freire acolle o xoves 30, ás 20,30 horas, o espectáculo da unidade teatral da Xunta, creado por Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez

Iníciase así unha xira que presentará a peza en Ferrol e en Estambul a comezos de outubro, mes no que tamén se reporá no Salón Teatro con dúas funcións

Con máis de 100 funcións programadas, 40 delas en xira, o CDG está a reforzar este ano o seu papel como motor da escena galega en todo o territorio

Lugo, 28 de setembro de 2021

A unidade teatral da Xunta -o Centro Dramático Galego (CDG)- leva a súa nova produción Serva me, servabo te, a Lugo, cunha función no Auditorio Gustavo Freire o vindeiro xoves 30, ás 20,30 horas. Tras a súa estrea no Carballiño e a permanencia en cartel durante tres semanas no Salón Teatro de Santiago, a creación de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez inicia así unha xira con representacións no Teatro Jofre de Ferrol e no Malpete Theater Festival de Estambul a comezos de outubro, mes no que tamén se reporá en Santiago de Compostela con dúas novas funcións.

Serva me, servabo te (Axúdame, axudareite, en latín) é un espectáculo no que a dramaturxia xorde desde o movemento e o xesto, e coa que o CDG visibiliza o seu apoio ás novas linguaxes escénicas. Creada e dirixida por Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez, a peza aborda a liña que separa a violencia do afecto, ademais de reivindicar o corpo como material que iguala sen distincións. Deste xeito, o escenario, no que se fantasía co derrubamento dun edificio de vinte alturas, preséntase como un corpo nu ante a inmensidade.

Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez e Cris Vilariño compoñen o elenco desta nova montaxe. Nela combínase xuventude e experiencia, tanto na interpretación como no equipo artístico.

Así, a creadora escénica AveLina Pérez é a asistente de dirección, e a escenógrafa, vestiarista e iluminadora Carmen Triñanes asume a iluminación e a videocreación, xunto á escenografía de xeito compartido con Laura Iturralde. O vestiario corre a cargo do actor e deseñador Xoel Álvarez e o espazo sonoro, de Xavier Bértolo. Roberta Ferrara e Xandre Vázquez son asistentes de coreografía e de produción, respectivamente.

As entradas están xa á venda a través do portal web entradaslugo.es. Tamén se poden adquirir na Oficina de Turismo ata tres horas antes do comezo da función e no propio auditorio desde unha hora e media antes do inicio do espetáculo.

Motor da escena galega

Con máis de 100 funcións programadas, 40 delas en xira, e proxectos nun cento de concellos, a unidade de produción teatral da Xunta está a reforzar este ano o seu papel como motor da escena galega e a prol da creación de público en todo o territorio.

Así, ao longo de 2021 serán catro as producións propias, nove coproducións, diversas residencias e outras iniciativas máis as materializadas grazas á aposta pola colaboración con todos os axentes do sector, como a bolsa de dramaturxia e creación.

De cara á continuidade da temporada, o CDG traballa en novos espectáculos. Ademais, avanza no proceso de selección dos elencos das vindeiras producións, co desenvolvemento das probas estes días. Trátase dunha adaptación teatral de A peste, de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de Ás 8 da tarde cando morren as nais, baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.

Imaxes relacionadas