A Xunta financia a conversión do antigo centro médico de Carballedo en catro vivendas de protección autonómica cunha achega de 192.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado do alcalde Jorge Cubela e doutros representantes institucionais, preside o acto de inauguración desta actuación, que permitíu rehabilitar un edificio con máis dun século de antigüidade

O Concello de Cerdedo-Cotobade beneficiouse dunha subvención bianual do Instituto Galego de Vivenda e Solo ao abeiro da orde de axudas para a restauración de antigas vivendas de titularidade municipal

“Temos un forte compromiso co acceso á vivenda, tamén nos concellos rurais e de interior, e por iso participamos neste proxecto tras investir máis dun millón de euros na recuperación das dez antigas casas escolares de Cerdedo”, explicou o representante autonómico

Cerdedo-Cotobade, 28 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de financiar a rehabilitación do antigo centro médico de Carballedo, no Concello de Cerdedo-Cotobade, e a súa conversión en catro vivendas de protección autonómica cunha achega de 192.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presidiron esta mañá o acto de inauguración oficial deste proxecto xunto con outros representantes institucionais e municipais e decenas de veciños da parroquia cotobadesa de Carballedo.

O proxecto, impulsado polo Concello de Cerdedo-Cotobade cun orzamento duns 370.000 euros, permitíu rehabilitar un nobre edificio, con máis dun século de antigüidade, que foi escola de primaria e centro de saúde durante gran parte da súa historia e que nos últimos tempos se empregaba como almacén municipal.

“Dende a Xunta de Galicia cremos que a actuación promovida en Cerdedo-Cotobade é impecable dende o punto de vista técnico e encaixa á perfección na filosofia da Xunta de apostar polas rehabilitacións e a recuperación do patrimonio arquitectónico co obxectivo de darlle unha nova vida e utilidade ao tempo que se respecta a súa fisonomía orixinal”, explicou Luis López, que detallou que a achega autonómica, de case 200.000 euros e de carácter bianual, concedeuse ao abeiro da orde de axudas 2020 para a restauración de antigas vivendas de titularidade municipal promovida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

“Temos un forte compromiso co acceso á vivenda para que todos os galegos teñan un fogar confortable, tamén nos concellos rurais e de interior como Cerdedo-Cotobade, e por iso a Xunta participou no financiamento deste proxecto para darlle continuidade ás nosas actuacións en materia de vivenda neste municipio, no que tamén acabamos de investir máis dun millón de euros na rehabilitación das dez antigas casas escolares de Cerdedo, dúas das cales xa teñen familias vivindo nelas e o resto están pendentes dunha próxima concesión”, manifestou Luis López, que confirmou que a Xunta colaborará co Concello, se fora preciso e a través do rexistro de demandantes de vivenda, para a adxudicación destas catro novas vivendas sociais en Carballedo.

En canto ao proxecto de rehabilitación do antigo centro médico, consistíu na preparación de dúas casas de 130 m2 construídos na planta baixa e outras dúas, con 72 m2 cada unha, no primeiro andar. Todas elas teñen acceso independente a través do porche exterior de arcos e contan con todos os servizos. Deste xeito, dáselle a máxima utilidade aos preto de 500 m2 do inmoble, respectando a súa fachada para conservar a estética orixinal e mantendo o seu volume construtivo, e tamén aos máis de 1.000 m2 dos que dispón a parcela, pechada con muros de pedra.

Imaxes relacionadas