A Xunta adxudica as obras para a execución dunha senda peonil na estrada autonómica OU-195 ao seu paso polo concello de Pontedeva

A actuación, cun investimento de preto de 50.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e o obxectivo é tela rematada este mesmo ano

Construirase un itinerario accesible na marxe esquerda desta estrada que conecta a vía de acceso do punto quilométrico 0+600 coa intersección final no punto 0+750, onde se atopan varias vivendas e establecementos comerciais do núcleo de Trado

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras de execución dunha senda peonil na estrada autonómica OU-195 ao paso polo concello ourensán de Pontedeva.

A actuación, que foi adxudicada á empresa Cruzval Obras y Servicios, S.L., suporá un investimento da Xunta de preto de 50.000 euros. Os traballos comezarán nas vindeiras semanas e o obxectivo é telos rematados este mesmo ano. O prazo de execución estimado é de 3 meses.

Construirase un itinerario peonil accesible na marxe esquerda da estrada OU-195 que conecta a vía de acceso do punto quilométrico 0+600 coa intersección final desta estrada, no punto quilométrico 0+750, onde se atopan varias vivendas e establecementos comerciais do núcleo de Trado.

A senda proxéctase cunha anchura de 2 metros, en formigón con espesor de 15 centímetros sobre unha capa de zahorra de 25 centímetros.

Executarase un pequeno muro entre os puntos quilométricos 0+690 e 0+730, onde existe unha pequena depresión do terreo xunto á estrada.

Baixo a nova senda disporanse conducións de abastecemento, saneamento e obra civil de iluminación.

A actuación complétase coa renovación da capa de rodadura mediante extensión de microaglomerado neste tramo final da OU-195.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios.