A Xunta concede 640.000 euros a 119 comerciantes e obradoiros artesanais de Lugo para dixitalizar e modernizar os seus negocios

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación facilita a adaptación do comercio ás vendas electrónicas para incrementar a competitividade

Tamén impulsa medidas como o Bono Activa Comercio, que trata de incentivar o consumo e xa leva mobilizados 20M€ no conxunto de Galicia

Lugo, 28 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia concedeu 640.900 euros a un total de 119 comerciantes e obradoiros artesanais da provincia de Lugo, que mobilizarán 805.300 euros en actuacións para impulsar a estratexia dixital e a modernización dos seus negocios.

En concreto, 106 comerciantes e 13 titulares de obradoiros artesanais porán en marcha 128 actuacións que posibilitarán ofrecer unha experiencia de compra única aos seus clientes, adaptada ao novo consumidor dixitalizado e exixente.

As axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación contan con dúas liñas. A primeira está destinada á dixitalización comercial e supón practicamente o 80% dos apoios solicitados na provincia, sumando 101 actuacións entre as que destacan a implantación de xestores de redes socias, a creación de páxinas web con venda en liña, a realización de publicidade en medios dixitais ou a mellora da imaxe dixital.

A segunda liña, con 27 actuacións subvencionadas en Lugo, está destinada á adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal, como maquinaria e ferramentas que melloren o deseño e calidade do produto final.
Estas axudas enmárcanse nas medidas que a Xunta de Galicia está adoptando co obxectivo de que o sector comercial poida adaptarse aos novos hábitos de consumo, como o comercio electrónico, así como a outras canles de comercialización, como as redes sociais, o que se traduce nunha maior competitividade do sector e un aumento das súas vendas.

Bono Activa Comercio

De xeito paralelo, o Goberno galego puxo en marcha este ano o Bono Activa Comercio, un proxecto de dinamización das vendas de proximidade que xa leva mobilizado 20M€ grazas aos bonos descargados por 220.000 persoas que poden usar o seu desconto de 30 euros en máis de 5600 establecementos da Comunidade. Por provincias, A Coruña mobilizou preto dun 39% das vendas, Pontevedra un 32%, Ourense un 15% e Lugo un 14%. Os produtos máis vendidos correspóndense con prendas de vestir, calzado, carteiras, bolsos, xoguetes, artigos de deporte, libros, así como aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.
Os clientes que aínda non conten co seu bono poden rexistrarse na web bonosactivacomercio.gal, descargalo e facer uso do mesmo ata o próximo 31 de outubro.